A Alianza Social Galega chama ás rúas 'por outra saída da crise'

Até 10 manifestacións e 3 concentracións convocadas nas cidades e nas principais vilas do País revoltaranse contra cifras como as d@s 271.500 desempregad@s, as 30 persoas que emigran cada día ou a taxa de paro de máis do 56% que suporta a mocidade galega.

alianza
photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]


Até dez manifestacións e tres concentracións convocadas nas cidades e nas principais vilas do País convocadas pola Alianza Social Galega e apoiadas por colectivos como as plataformas pola sanidades pública, de emigrantes retornad@s e contra os desafiuzamentos, o Observatorio Mariña pola Igualdade ou a Rede de Apoio Mutuo de Ferrol esixirán nas rúas "outra saída da crise".

Farano na quinta feira, 27 de febreiro, co obxectivo de dar "unha resposta colectiva" ás "nefastas políticas antisociais" que impoñen os gobernos da Galiza e do Estado español coa crise e o pagamento "dunha débeda ilexítima" como escusa. 

Manifesto conxunto

Así o recolle o manifesto asinado polas máis de 60 organizacións que fan parte da Alianza Social --constituida en outubro de 2012 e da cal fan parte as centrais sindicais CIG, CC.OO. e UGT-- e que chaman a cidadanía a se revoltar contra as cifras: contra 271.500 desempregad@s; contra a realidade da emigración, que aboca 30 persoas cada día a deixaren o País; ou contra unha taxa de paro de máis do 56% que suporta a mocidade galega.

"Á destrución dos sectores produtivos básicos (agrario, pesqueiro) e do sector industrial (con especial gravidade no naval) e a desertización do medio rural, engádese o desmantelamento do sector financeiro galego", continua o manifesto, onde se denuncia que a Xunta non ten nengunha resposta para frear esta sangría.

Revoltaranse contra cifras como as d@s 271.500 desempregad@s, as 30 persoas que emigran cada día ou a taxa de paro de máis do 56% que suporta a mocidade galega

Ou si. "A súa resposta é un orzamento que en 2014 recorta nun 10% o investimento en políticas de emprego, que reduce o desembolso de diñeiro público e que afonda na "deteriorización" de servizos que cubren dereitos fundamentais como a educación ou a sanidade. 

A reforma laboral e o empobrecemento que para a clase obreira carrexa a conxelación do salario mínimo interprofesional e do Iprem --Indicador público de renda de efectos múltiples--, referenza este último para a concesión de bolsas, do subsidio por desemprego e dalgunhas axudas públicas tamén están na orde do día das mobilizacións da Alianza Social.

Máis razóns: os 95 euros que o Goberno español vai zugar das pensións de 1.000 euros; a paralización da lei de dependencia, a privatización de servizos municipais, o estado policial ou o ataque aos dereitos das mulleres

Cómpre sumar tamén outras razóns, como os 95 euros que o Goberno español vai zugar das pensións de 1.000 euros, tomando en conta que a Galiza ten os salarios e as prestacións por xubilación máis baixas do Estado; a paralización da lei de dependencia, a Lomce, o desmantelamento da sanidade pública, a privatización de servizos públicos municipais, @s 11.124 empregad@s por conta propia que perderon o seu emprego entre 2009 e 2013, o estado policial que traen da man as reformas do Código Penal e da Lei de seguranza cidadá, ou o ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres que supón o peche de centros públicos de planeamento familiar e o retroceso na lei do aborto. 

Por derradeiro, os recortes nas políticas de cooperación ao desenvolvemento, a desertización do medio rural e a concepción deste coma "un lugar de gozo para as elites" e non unha maneira de vivir están tamén contempladas entre as causas polas cales Galiza está chamada ás rúas este 27 de febreiro. Os lugares e datas das accións convocadas son as que seguen: 

  • Ourense, Pabellón dos Remedios ás 19.30h
  • Vigo, Vía Norte ás 19.30h
  • Burela, praza do Concello ás 19.30h
  • Monforte, praza España ás 19.30h (concentración)

     
  • Pontevedra, Praza Ferrería ás 20h
  • Santiago, Alameda ás 20h
  • Ribeira, estación de autocarros ás 20h
  • Ferrol, Praza España ás 20h
  • Coruña, Casa do Mar ás 20h
  • Lugo, Ronda da Muralla ás 20h
  • Arousa, Avenida da Mariña ás 20h
  • Cangas, casa do Concello ás 20h (concentración)

     
  • Vilalba, casa da Cultura ás 21.30h (concentración)

 

Para alén de CIG, CC.OO. e UGT, da Alianza Social Galega fan parte entidades do ensino [Comités, Liga, Plataforma en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes, STEG, Nova Escola Galega, federación de ANPAS de Lugo e Compostela, Escola Viva ou AS-PG]; do agro e do mar [Fruga, Sindicato Labrego Galego, Confradía de pescador@s da Pobra do Caramiñal, Unións Agrarias ou Asociación galega de mariscador@s]; da cooperación cos países do Sul [Acsur-Galiza, Asemblea de Cooperación pola Paz, Fundación Paz, Instituto de Cooperación ao Desenvolvemento e Solidariedade ou Coordenadora Galega de ONGDs]; da lingua [A Mesa ou Queremos Galego]; do emprego [Plataforma polo Emprego, Sindicato de Xornalistas, USTG ou Federación de profesionais e autónom@s]; do social [Plataforma en Defensa dos Servizos Sociais, Dereitos Civís, Colexio de Educador@s Sociais, SOS Sanidade Pública, Xustiza e Sociedade, Asociación Fuco Buxán, Asociación Monte Pindo Parque Natural ou Namentras]; da memoria e da historia [Iniciativa Galega pola Memoria, Instituto galego de Historia, Fesga, Fundación 10 de Marzo, Fundación Castelao, Fundación Galiza Sempre ou Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña]; e da cultura [Federación de bandas de música populares].

Comentarios