Alertan das agresións medioambientais na Costa da Morte

Milleiros de toneladas de entrullo en Quilmas (Carnota), eucaliptos que substitúen carballos e fieitos protexidos en Mazaricos, cortas no bosque de ribeira no Xallas e portas abertas para a explotación eléctrica. Adega denuncia agresións ambientais na costa da morte, afectada pola falta de protección e a paralización da ampliación da Rede Natura. 

Obras en Quilmas
photo_camera Obras en Quilmas

Espazos que tiñan que ter protección ambiental están afectados por importantes agresións, sen control pola paralización da ampliación da Rede Natura. Adega denuncia que a piscicultura industrial, a explotación eléctrica e a madereira están a esquilmar espazos de necesaria conservación pola súa singularidade e a súa riqueza como é o litoral da Costa da Morte. 

En Quilmas (Carnota), as obras da empresa acuícola Stolt Sea Farm están a deixar milleiros de toneladas de entullo no litoral, soterrando comunidades de grande fraxilidade. Todo parece indicar que a empresa estaría a traballar en novas instalacións para o proceso industrial do rodaballo, para o que necesitaría construír un túnel de máis de 300 metros de longo baixo o subsolo mariño, deitando para iso os residuos sobre a propia praia. ADEGA tivo que solicitar amparo ao Valedor do Pobo debido ao silencio administrativo que rexeitou informar sobre os permisos, estudos de impacto ou medidas a tomar. 

Eucaliptos que ameazan carballos

Tamén a Carballeira de Santa Locaia, no concello de Mazaricos, está a sufrir a expansión do eucalipto e a explotación forestal con talas de carballos e fieitos protexidos nunha zona que estaba proposta no bipartito para facer parte da Rede Natura mais quedou finalmente sen protección. 
Os escasos redutos de bosque atlántico húmido que quedan en Galiza están a sufrir as consecuencias da imparábel expansión do eucalipto e das políticas forestais produtivistas.

Finalmente, Adega repara na Devesa de Anllares, na parte superior do Ézaro no Xallas que, o bosque de ribeira atlántico máis occidental de Europa que, segundo din, “semella ser unha “molestia para o negocio hidroeléctrico”. Denuncian neste caso a “amnistía” de Feijóo en 2012 de tres minicentrais que se comezaron a tramitar durante o goberno de Fraga. 

“Agora Villar Mir está a facer efectivo o seu dereito de pernada no Xallas comezando a "actualización" das turbinas da central de Ponte Olveira. Unhas obras que, na practica, supoñen a construción dunha nova central, con novas turbinas e tubaxes mentres a vella segue rendendo quilovatios "non stop"”, explican dunha ameaza que ten como consecuencia a destrución do bosque de ribeira, fóra tamén´n da ampliación da Rede Natura “que o PP presentou en 2011 e agora esqueceu”.

Comentarios