Alertan para a alta concentración de partículas canceríxenas na atmosfera das cidades galegas

As cidades e vilas galegas superan os máximos recomendados pola OMS de concentración de partículas na atmosfera. Un informe do profesor Ramón Varela, feito público por Adega, alerta para a presenza de elementos canceríxenos e reclama ás administracións controlar a emisión que provén, en especial, do fume dos carros.
Imaxe de Vigo
photo_camera Imaxe de Vigo

As cidades e vilas galegas padecen unha contaminación de partículas máis alta da que lles correspondería polas súas condicións. Un informe do profesor Ramón Varela sobre os datos deste inverno 2012, que fai público ADEGA, alerta contra estes elementos sinalados como canceríxenos pola OMS que proveñen, en especial, do fume dos carros.

Os fumes dos vehículos diesel son xa considerados, despois da recente decisión da OMS, como carcinóxeno certo, poñéndose á par doutros elementos como as radiacións, o amianto ou o benceno. As partículas PM10 e PM2,5, consideradas as máis prexudiciais, son grandes elementos contaminantes e proveñen na nosa atmosfera, en especial, das emisións dos coches. O estudo que vén de facer público ADEGA, elaborado polo profesor Ramón Varela e fundamentado nos datos deste mesmo inverno, sinalan unha presenza na atmosfera galega superior á agardada polo tráfico rodado e parque automobilístico ou pola industria, tamaño das cidades ou extensión do territorio.

Vigo e Ponteareas

No estudo presentado indícase que en núcleos urbanos como Vigo ou Ponteareas superáronse en moitos días os valores límites sinalados pola lexislación. Tamén as estacións de A Coruña, Santiago, Ferrol ou O Saviñao viron superados os valores de 50 micogramos por metro cúbico.

Vigo con 47 microgramos en marzo e Ponteareas con 50 en xaneiro ocupan os primeiros postos nas concentracións medias mensuais. O informe sinala que, fóra de Ourense, Marín e Laza, todas a estacións se encontran lonxe dos 20 microgramos recomendados pola OMS.

Adega reclama, por tanto, das administracións “diminuír de forma importantes as concentracións horarias, diarias e mensuais, que neste pasado inverno de 2012 son considerábeis”. Alertan ao tempo que as partículas grosas, as PM!=, poden empeorar as patoloxías respiratorias ao seren respiradas mentres que as máis finas poden mesmo chegar ao sangue e producir efectos nocivos sobre o sistema cardiovascular. “Diminuír a concentración de partículas na atmosfera é unha cuestión de capital importancia para a saúde cidadá e o medio ambiente” sinala Adega.

Comentarios