AGE pide a medalla do mérito para os bombeiros que se negaron a despexar a Aurelia

Alternativa solicitará en Comisión parlamentar que se recoñeza a desobediencia contra o desafiuzamento da coruñesa que a subdelegación do goberno español castigou con multas que tamén recibiron concelleiros de BNG e EU ou o portavoz nacionalista Francisco Jorquera. 

Goberno e oposición camiñan por vías completamente antagónicas. Namentres o Goberno español envía sancións, o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) no Hórreo pedirá este martes que se lle conceda a Medalla ao Mérito da Protección Civil á unidade de bombeir@s da Coruña que o pasado mes de febreiro negouse a forzar a cadea colocada por activistas no portal dunha vivenda e así facilitar o desafiuzamento por parte da policía de Aurelia Rei, a anciá coruñesa que estivo no centro dunha importante loita civil contra a especulación do teito e que finalmente concluíu cunha negociación que lle conseguiu á muller un piso social, en contra da intención primeira dos poderes de deixala directamente na rúa. A iniciativa -malia que probabelmente terá o apoio do BNG e pode ser que do PSOE- está condenada a quedar en nada ante a maioría absoluta dun PP que segue a criminalizar o movemento cidadá contra os despexos. 

"O bombeiro que simbolizou a negativa da unidade a participar no lanzamento e que incluso ergueu un cartel de Stop Desafiuzamentos recibiu a sanción administrativa de 600 euros"

Segundo AGE, que presentará esta iniciativa na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galiza, “hai razóns fundadas para celebrar o comportamento libre, crítico e preñado de solidariedade deste grupo de traballadores cunha cidadá inxustamente ameazada de perder a súa vivenda de sempre”. A coalición entre Anova e EU engade que está convencida do “valor fundante que ten para o exercicio de solidariedade o que presidiu a actuación destes bombeiros, que requeridos a forzar violentamente o dereito dunha muller a unha vivenda digna negáronse nun exercicio de conciencia a seren cómplices dunha inxustiza”. 

Ao tempo, nesta mesma semana, o bombeiro que simbolizou a negativa da unidade a participar no lanzamento e que incluso ergueu un cartel de Stop Desafiuzamentos recibiu a sanción administrativa de 600 euros que lle impuxo a subdelegación do goberno español en Galiza por “obstaculizar á autoridade”. A mesma multa foilles comunicada a sete persoas máis, entre elas fíxose pública a identidade de varias, como o concelleiro do BNG na Coruña Xosé Manuel Carril, o de Esquerda Unida César Santiso ou o portavoz parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera, así como o que na altura era o secretario comarcal da CIG, Paulo Carril. 

Comentarios