AGE móstrase satisfeita cos resultados e CxG enfatiza que o seu desafío son as municipais

Con palmas e ovacións de “temos unha labrega en Europa”, valorou a eurodeputada electa Lidia Senra os resultados da Alternativa Galega de Esquerdas. 

AGE
photo_camera AGE

A candidata de Alternativa Galega de Esquerdas dentro da lista de IU, Lidia Senra, compareceu unha vez confirmada a súa acta no Parlamento Europeo para confirmar a “responsabilidade de colocar o noso pobo na alianza da esquerda europea para traballar en políticas que nos permitan vivir dignamente no noso pobo”. Para a que será nova eurodeputada cando se constitúa a nova cámara europea, a súa opción encamiñarase a que ninguén teña que abandonar a súa terra, contra o que agora acontece que, segundo dixo “estanos botando coas políticas neoliberais que estamos sufrindo”. 

Manifestou tamén a candidata de AGE a súa vontade de levar á cámara europea “os compromisos contraídos cos movementos sociais”. “Imos dar a batalla para converter o Parlamento Europeo na caixa de resonancia da loita que distintos colectivos están dando no noso país”, engadiu. 

CxG: "punto de partida para as municipais"

Para Compromiso por Galicia, os resultados acadados nestas eleccións europeas son “o punto de partida para o noso verdadeira obxectivo, as eleccións municipais”, segundo dixo o secretario xeral da formación, Xoán Carlos Báscuas Tres eran os obxectivos que marcaran nestes comicios, o primeiro dar a coñecer as siglas, o segundo presentar referentes políticos novos, os dous conseguidos, e o terceiro, subir en votos que se saldou con resultados “insatisfactorios”, valorou, a pesar de manter “practicamente a porcentaxe de votos” das eleccións galegas. 

“Estamos na primeira noite electoral das eleccións municipais, porque os resultados electorais reflicten que alí onde hai agrupación constituída de Compromiso por Galicia e se traballa a porcentaxe de votos é substancialmente maior que a media do país, afirmou Báscuas, na mesma liña na que se manifestara o seu candidato Carlos Paulo López, a pouco xa de pechar as urnas. 

O PP: gaña en “Galiza e España”

“O PP gañou as eleccións en Galiza e en España”, comezou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do secretario do partido, Alfonso Rueda e o candidato, Millán Mon. Nunha moi breve intervención, Feijóo quixo transmitir á cidadanía que “o Partido Popular europeo, o PP de España e o eurodeputado galego traballarán sen ningunha dúbida por todos”. Sen embargo, deixou constancia da perda de apoio social ao afirmar que seguirán “traballando por recuperar a motivación dos cidadáns na política”, ademais de recuperar porcentaxe de voto e “avanzar no camiño da esperanza e recuperación económica”.  Destacou tamén que España e Alemania son os únicos dous países que gañan o partido que está no goberno fronte á segunda forza, o PSOE que, segundo dixo, tivo o na Galiza peor resultado que no Estado español, contra o que acontece no PPdeG, que supera en 9 puntos os resultados do PP en todo o territorio estatal.  Pola súa parte, Millán Mon, en declaracións en español, destacou os 13, 5 puntos de ventaxa sobre o PSOE. 

PSOE: resultados que non satisfán

O secretario xeral do PsdG-PSOE fixo fincapé en que os resultados son os peores para o PP na Galiza nos últimos 25 anos. Sen que “satisfagan” ao PSOE o reconto final de votos “abre un camiño novo, un cambio de ciclo político”, sinalou, referíndose a un “xiro claro á esquerda por parte do electorado”. Valorou que o PSdG se confirme como segunda forza na Galiza. “Máis perdeu o PP que obtivo os peores resultados dos últimos 25 anos. Nunca houbo unha tan clara maioría de esquerdas en Galiza”, dixo José Blanco. 

Máis tallante foi a candidata do PSOE, Elena Valenciano, que non dubidou en cualificar de malos os datos recibidos pola súa formación e remitiu á xuntanza da Comisión Executiva Federal que se reunirá esta segunda feira e na que, previsíbel mente, se fará a análise despois dun “moi mal resultado”. 

Comentarios