Un AFondo para cavilar sobre se outra cooperación é posíbel

Voces internacionais érguense para reclamaren outro modelo de cooperación internacional. Desde a experiencia práctica de cooperantes e grupos de traballo especializados na materia publicamos un caderno de análise que visa unha cooperación entre iguais

Mentres a crise avanza, asolaga e consome as persoas e o medio, a cooperación vese cada vez máis minguada, esquecida e desprestixiada. Lonxe fica o acordo de manter o 0,7% do PNB para a cooperación internacional, lonxe a intención de investir en modelos descentralizados alén das fronteiras dun estado. Os estados capitalistas féchanse en banda e deciden protexer os “intereses nacionais”, facendo desaparecer os acordos de cooperación, fechando as sedes de axencias e ONGs nos países onde se viña traballando, reducindo as convocatorias para a presentación de proxectos. A cooperación está en risco de desaparecer. Mais isto fai que nos plantexemos o modelo até o momento imperante, a chamada cooperación tradicional, baseada aínda sobre os principios do Plan Marshall. Fainos entrever a dupla moralidade que moitas veces amosaba e tamén nos abre o abano de opcións, doutras posibilidades e modos de traballar sustentábeis que si se basean nunha transformación estrutural das relacións norte-sul, ou tamén equivocamente chamadas “mundo desenvolvido vs mundo subdesenvolvido". 

Así comeza o caderno monográfico que esta semana acompaña o número 61 do Sermos Galiza. Un AFondo que xira arredor do modelo de cooperación internacional imperante mais no que divers@s autor@s achegan a súa experiencia persoal para reclamar unha outra cooperación que pule por relacións entre iguais. 

Achegámonos a Zambia desde a ollada de Évora Barreiro, ela foi testemuña de como a cooperación se volve unha outra forma de colonización

Coordinado pola politóloga e especialista en cooperación descentralizada, Évora Barreiro, presentámosvos 8 páxinas para (re)pensar o desenvolvemento. Con Walberto e Larry, integrantes do Centro Bartolomé das Casas en El Salvador achegámonos á perspectiva de xénero nos proxectos de cooperación. Ambos os dous son membros de Equinoccio, un grupo de masculinidades. Mais tamén nos achegamos a algunhas das ferramentas que tradicionalmente se empregaron na cooperación internacional como os microcréditos, unha realidade que segundo o economista Íñigo Recio "non acaba coa inequidade". 

Nunha extensa entrevista con Diana Bustos, mestrada en Cooperación, achegámonos a novas teorías da cooperación internacional que visan pór no centro dos proxectos ás comunidades locais e a necesidade de seren estas partícipes dos seus propios procesos. Asemade, botamos unha ollada á experiencia persoal vivida por Évora Barreito en Zambia onde puido ser testemuña de como a cooperación se converte nunha nova forma de colonización norte-sul.

Comentarios