Afectad@s por preferentes agardan poder recuperar os seus aforros

“Recuperar o 100% dos aforros é posíbel”, sinalan desde a Plataforma de Afectados polas preferentes e subordinadas de Novagalicia Banco do Baixo Miño que convocaron unha asemblea informativa para este sábado 25 ademais de anunciar que asistirán ao pleno do Rosal. 

Diante do novo escenario que se lle presenta coa venda da entidade, afectad@s polas preferentes e subordinadas de Novagalicia Banco confían en poder recuperar a totalidade dos seus aforros mais non baixan a garda nas súas mobilizacións. Para este sábado 25 ás 20 horas plataforma do Baixo Miño -unha das máis activas- ten convocada unha asemblea informativa no Concello do Rosal mais para as 20 horas, no mesmo día no que ás 9 da mañá asistirán ao pleno do concello como sinal de protesta por non ter retirado as sancións ás persoas afectadas. 

“Cómpre lembrar que en tódolos Concellos do Baixo Miño, agás no Rosal, votouse por maioría a retirada destas sancións irregulares. É chamativo que xustamente, no Rosal, o único Concello que votou en contra, é onde se acumula o maior número de sancións”, denuncian, unha vez a propia Garda Civil informou de que é o alcalde quen ten capacidade sancionadora e, polo tanto, quen pode retirar as multas. “Isto constata que, unha vez máis, por se fose pouco, o Partido Popular, ademais de sancionarnos con falacias, séguenos a enganar”, sinalan. Para o un de febreiro convocan unha manifestación en Vigo, con saída do Calvario ás 11:00 horas para “condenar o roubo e espolio dos aforros”.

Comentarios