Afectad@s polas preferentes exixen en Bruxelas recuperar o 100% dos aforros

Unha delegación da Coordinadora galega de Plataformas de afectad@s por este calote interviu na Comisión de Peticións do Parlamento europeo convidada pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda. "Levamos dous anos de loita" expresaron "confiamos en vostedes". Representantes da Cámara amosáronse sorprendid@s pola testemuña. 

Representantes das plataformas de afectad@s con representantes do Parlamento europeo e a PAH
photo_camera Delegación das plataformas de afectad@s con representantes do Parlamento europeo e a PAH

Non era a primeira vez e deseguro tampouco será a última que estafad@s de NovaGalicia Banco acoden a Bruxelas para denunciar a estafa que deixou a 80.000 galeg@s sen os seus aforros. Unha delegación de afectad@s, encabezad@s por Xesus Domínguez (Compostela), Xulio Vicente (Baixo Miño) e Miriam Rodríguez, participaron esta cuarta feira na Comisión de Peticións da Cámara europea para denunciar esta "estafa masiva" e "planificada" e exixir da institución comunitaria que actúe "como verdadeiro Parlamento dos europeos" emitindo unha resolución que obrigue á entidade financeira a devolver o 100% dos aforros ás persoas estafadas.

Xesús Dominguez denunciou en Bruxelas que o Goberno español rescatara os bancos e impuxese unha quita @s estafadas 

Convidad@s pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, o portavoz da delegación, Xesús Domínguez, debullou de maneira sintética "como foi posíbel" que as extintas caixas galegas se "apropiase[n] dos recursos dos seus clientes" para levar a cabo  unha "estratexia" que permitise captar fondos a través da venda de "produtos financeiros de alto risco". 

Domínguez deu conta na súa intervención das ferramentas empregadas polas entidades financeiras --hoxe integradas en NovaGalicia Banco-- para levar a cabo a súa re-capitalización "mentir aos seus clientes" e facerse cos seus aforros "sen consentimento" sen autorización e "sen información". A testemuña narrada deixou "perplex@s" a algun(ha)s d@s representantes polític@s, porén non era a primeira ocasión en que afectad@s polo calote viaxaban á Cámara. 

Para @s estafad@s as institucións comunitarias deben "facer cumprir" o seu propio ordenamento xurídico polo que exixen "una voz clara e firme, un dictame,un informe, ou o que sexa", aseveran, que obrigue ao goberno de Mariano Rajoy a procurar a fórmula que permita devolver os seus aforros a milleiros de persoas. 

Segundo Xesús Domínguez, fronte a esta realidade o executivo español adoptou dúas medidas "rescatar aos bancos" e "aprobar unha quita que pode chegar ao 70%" convertindo ás persoas defraudadas "en investidores". Neste senso, exixen ao Parlamento europeo --a través da Comisión de Peticións-- unha "resposta política clara". 

Comentarios