Adif e Renfe culpan do sinistro o maquinista, mentres medran as dúbidas sobre se houbo un fallo mecánico

Os presidentes de Adif e Renfe sinalan o condutor do tren como responsábel do sinistro de tren en Angrois. Tamén o ministro do Interior se suma a esta vía. Porén, sindicatos e expertos piden prudencia e lembran que accidentes destas características non responden a unha soa causa. Mentres, medran as dúbidas sobre se houbo un fallo mecánico ou do sistema de seguridade.

Para Adif e Renfe, o maquinista é o culpábel do sucedido ás 20:41 do 25 de xullo en Angrois. En declaracións aos medios, os máximos directivos ferroviarios do Estado español sinalan o condutor do tren como responsábel. O máis contundente, o presidente de Adif, Gonzalo Ferre, afirmou, nunha entrevista na axencia EFE, que o maquinista tería que ter reducido a velocidade catro quilómetros antes do punto onde sucedeu o sinistro.

O mandatario de Renfe, Gómez-Pomar, informou de que o maquinista circulara até en 60 ocasións pola curva da Grandeira e que a súa obriga era ter un coñecemento “exhaustivo” dese tramo. “Unha curva que ten un trazado de 80 quilómetros por hora son cousas que un maquinista coñece perfectamente”.

Cautela dos profesionais

Sindicatos e profesionais das compañías ferroviarias apostan na cautela e a que se vaian coñecendo máis datos, así como aos resultado da investigación. En todo caso, desde organizacións como o sindicato de maquinistas lembran que un accidente desta magnitude non responde só a unha única causa.

Desde o Sindicato de Maquinistas xa amosaron a súa sorpresa polo que cualifican de "rápida detención e imputación" do seu compañeiro cando "aínda non se sabe por que aconteceu o sinistro".

Fallo mecánico

Aínda é moi cedo para termos dados fiábeis -ígnorase se a caixa negra ten sido aberta xa pola comisión de investigación que pescuda o sinistro- que nos permitan saber se se produciu algún fallo mecánico ou do sistema de seguranza que agravase a catástrofe.

En teoría, os sistemas de seguridade deberían poder ter evitado o descarrilamento. Mais non funcionaron. A tese oficial é que o ASFA, o sistema de seguridade instalado no ponto en que se produciu o descarrilamento, delega no maquinista a faculdade de frear o tren, despois de terlle advertido -como así foi- que excedía con muito a velocidade permitida.

En teoría os sistemas de seguridade deberían poder ter evitado o descarrilamento, mesmo coa hipótese do exceso de velocidade

O maquinista tomou conciencia de que estaba a superar o linde de velocidade e premeu o botón de alerta, segundo a súa propia declaración. Mais o tren non se detivo. É probábel que ao fallo humano -evidente, causa primeira do sinistro- se sumase un fallo mecánico. Freou demasiado tarde o condutor do comboio ou fallou o sistema de freos do tren? Esa é a pergunta.

Comentarios