Adif atribúe ao ministerio de Fomento a decisión de non instalar o freado ERTMS no tramo do sinistro

Foi, por tanto, unha decisión política a que determinou que os catro quilómetros do acceso á estación de comboios de Compostela non contase co preciso sistema propio da alta velocidade. A decisión, segundo o Adif, foi tomada en 2010, cando José Blanco dirixía o departamento


Foi unha decisión política e tomouna o Goberno español a través do ministerio de Fomento. A vía de alta velocidade pola que transitaba o Alvia sinistrado en Angrois non conta co sistema de freado avanzado ERTMS porque en 2010, cando se licitou o proxecto, o departamento que daquela dirixía o socialista José Blanco considerou que a cobertura dispoñíbel no vello trazado de acceso á estación de comboios de Compostela era suficiente.

Así o recoñeceu Adif, concesionaria da infraestrutura ferroviaria, quen deixou caer en conversa coa Cadena Ser que a exclusión dese tramo na Galiza, cando noutros territorios como Madrid o ERTMS está instalado até o final do traxecto até nos servizos de cercanías, foi debida a prioridades no investimento do ministerio de Fomento.

Se tal decisión se tomou en 2010, o certo é que o deseño do trazado data de 2003, cando o titular do departamento era Francisco Álvarez Cascos no goberno de José María Aznar. Foi neste momento cando se tomou a decisión, tamén política, de manter no trazado a curva onde se produciu o sinistro para evitar pagar pola expropiación de máis terreos que permitisen construír a vía en liña recta.

Comentarios