ADIADO O ACTO DE HOMENAXE AO DONO DE LA VOZ: NEGREIRA EVITA COINCIDIR CON VáZQUEZ EN PLENO CASO SOMESO

Adiada a homenaxe ao dono de La Voz: Negreira evita coincidir con Vázquez en pleno caso Someso

A designación de Santiago Rey como "Caballero de la Orden de María Pita", prevista inicialmente para o mércores, foi suspendida sen unha razón oficial, mais baixo a sospeita de querer evitar imaxes polémicas.



Que quede para tempos menos conflitivos. Ese semella ser o desexo dalgúns dos protagonistas do acto que esta previsto se fose realizar este mércores no concello da Coruña, no que o dono de La Voz de Galicia recibiría unha homenaxe na que estaba prevista a asistencia tanto do actual alcalde da cidade, Carlos Negreira, como do seu antecesor Francisco Vázquez, ambos con boas relacións co medio con sede en Sabón. Porén, o máis comprometedor do acto resultaría a imaxe de Negreira e Vázquez xuntos apenas uns días despois de que o popular se negase a usar a vía xudicial para investigar o militante socialista logo de que as presuntas irregularidades cometidas por este nos terreos de Someso supuxesen unhas perdas de 40 millóns de euros para o concello.

O tamén chamado Caso Relámpago provén da recualificación dunha zona inicialmente destinada á construción dun campo de fútbol para faceren edificios e un centro comercial, o que provocou millonarias indemnizacións. Ante a decisión do actual goberno municipal de encobrir a Vázquez -e tamén ao presidente do empresariado galego, Antonio Fontenla, así mesmo implicado por medio da súa construtora- o BNG puxo en mans do Tribunal de Cuentas toda a documentación referida ao caso, entre ela un informe redactado por funcionari@s municipais.

O acto suspendido tratábase da investidura de Santiago Rey como “Caballero de la Orden de María Pita”, agrupación localista da que tanto Negreira como Vázquez son “maestres” e que asegura que os motivos da suspensión son “alleos” tanto a ela como ao Concello.

Comentarios