Adega reclama solucións para a contaminación por hidrocarburos na Ría do Burgo

Adega esixe unha “contundente actuación” á Xunta, á Autoridade Portuaria e ao Concello para resolver a contaminación por hidrocarburos provocada polos verquidos na Ría do Burgo. 

Poñer fin ao progresivo deterioro medioambiental e económico da Ría do Burgo é o obxectivo que Adega persigue ao esixir implicación das distintas Administracións, en concreto da Xunta, Autoridade Portuaria e Concellos. A gravidade da situación, segundo a asociación ecoloxista, queda aínda máis á vista co acontecido o pasado 18 de marzo cando tivo que intervir a lancha de limpeza da Autoridade Portuaria ao ser avisada unha gran mancha de hidrocarburo sobre a auga na zona de Oza. Para Adega, a situación demostra a contaminación producida por un verquido específico que provén dalgunha instalación industrial da zona. 

Adega critica que, mesmo así, non se teña detectado a orixe dos verquidos e evitado que se continúen a producir facendo valer a Lexislación Medioambiental sobre quen sexa responsábel da contaminación que, ademais de afectar ao medio ambiente, está a producir importantes perdas económicas derivadas do peche dos bancos marisqueiros. Esixe, polo tanto, que as Administracións asuman o papel de garantes da Lei e castiguen a quen provoca o que definen como “atentados ecolóxicos”. 

A asociación ecoloxista destaca que a crise medioambiental producida pola presenza de contaminación por hidrocarburos, detectada no pasado mes de febreiro, confirma que “o problema de contaminación na Ría do Burgo é un mal endémico e sen resposta por parte das Administracións públicas”. A ampliación do mostreo de augas analizadas, no exterior da propia ría, detectou que os índices de contaminación son elevados facendo aínda máis relevante o problema polo que esixen explicacións das Consellerías de Pesca e Medio Ambiente, así como da Autoridade Portuaria do Porto da Coruña.

Comentarios