Adega ofrece os seus consellos para un Nadal máis verde

Un festas con espírito ecoloxista. Eis a recomendación de Adega que se concreta en consumir produtos locais e de tempada, galegos e etiquetados en galego ou non espoliar o monte para adornar as casas. 

Acibro
photo_camera Acibro

Como cada ano, a Asociación Ecoloxista Adega lanza os seus consellos para un Nadal “máis verde”. Agudizar nestes días o “espírito ecoloxista” é un dos obxectivos das recomendacións para unhas festas que, malia que a crise as faga menos consumistas continúan a se caracterizar por un gasto innecesario de enerxía, produción de residuos esaxerada e un aumento do transporte privado. 

Contra esta situación, Adega ofrece as súas recomendacións que se centran no consumo de produtos locais e de tempada en cantidade racional, sen excesos que leven a desperdiciar comida. Ananás ou langostinos son produtos que, segundo explican, irían en contra dese espírito ecolóxico ao teren que percorrer moitos quilómetros ou provir de ecosistemas fráxiles. “Innova este ano e muda de menú, merca produtos ecolóxicos, de pesca artesanal e de comercio xusto”, defenden.

“Innova este ano e muda de menú, merca produtos ecolóxicos, de pesca artesanal e de comercio xusto”, defenden. 

Investir no propio, en produtos de artesanía e producidos en Galiza por pequenas empresas é outro dos consellos que engaden a estas festas, indicando así a conveniencia de mercar produtos galegos e etiquetados na nosa lingua. 

Contra o costume de recoller acivro ou xilbardeira para adornar as casas, Adega advirte que estamos a contribuír ao espolio do monte e, como alternativa, propón engalanar con materiais reciclados. 

Coidado tamén co agasallo de mascotas ou plantas,pode ser que a persoa destinataria non sexa responsábel para atendela como merece e atención aos que veñen de ecosistemas en perigo que poden producir danos na biodiversidade galega. Se o presente vén de países lonxanos a garantía está, segundo a asociación ecoloxista, nas entidades que traballan co comercio xusto. “Agasalla compromiso co patrimonio natural e cultural de Galiza e contribúe a manter viva unha loita de máis de 39 anos”, conclúen e, para rematar, indican como posibilidade sorprender facendo socia de Adega á persoa á que se destina o presente. Na súa guía para estas festas pódense atopar o catálogo de consellos para un Nadal ecolóxico. 

Comentarios