Adega emprenderá accións legais contra a destrución de Barreiros

A asociación ecoloxista Adega emprenderá accións legais contra a destrución ambiental de Barreiros, co fin de poñer o caso da Mariña luguesa no punto de mira para outros concellos da costa. A preocupación polas novas explotacións mineiras que atentan contra o medio ambiente deixouse sentir tamén na 37 asemblea celebrada onte en Compostela na que Virxinia Rodríguez foi elixida de novo presidenta.
Presidenta da Adega
photo_camera Presidenta da Adega

Dentro da campaña “Ponte no medio, móvete polo territorio” deseñada como denuncia da destrución da costa e reivindicación da súa protección na liña estratéxica de defensa do territorio Adega centrará a súa acción no concello de Barreiros. A primeira campaña despois da celebración da asemblea encamiñarase cara o seguimento legal das posibilidades de denuncia aos responsábeis así como de estudo das sentenzas resoltas. O obxectivo é situar o concello da Mariña no punto de referencia das políticas de protección da costa. “Queremos ir até o fondo e explotar a lexislación en todo o que dé para denunciar aos culpábeis e depurar responsabilidades. A acción arredor de Barreiros ten que ser preventiva contra ataques tan fortes á nosa costa” sinala Virxinia Rodríguez.

Dúas novas campañas centrarán nos próximos meses a actuación de Adega, en resposta de grandes ameazas ambientais que atacan a saúde natural do país. Dirixiranse ás rías e aos novos proxectos mineiros que atacan territorio. “Queremos apoiar ás plataformas locais cun traballo máis global de ámbito nacional, coordinándonos para traballar por unha situación cada vez máis grave pois estamos detectando que nacen moitas máis explotacións mineiras, promovidas por internacionais”. explica Virxinia.

Corcoesto e tantas outras

“Podemos falar con claridade de colonialismo ambiental, social e económico. Os nosos recursos son explotados por multinacionais de fóra, os beneficios saen do país e actúan sen ter en conta o impacto ambiental e a destrución que xenera” denuncia, de explotacións nas que se sufrirán as consecuencias sen obter os beneficios. Neste eido queren traballar non só desde o punto de vista ambiental senón tamén social, colaborando coas comunidades de montes e as asociacións locais para unha boa xestión do medio, vinculando ás problemáticas ecolóxicas ás económicas e sociais.

“Corcoesto non estaba en produción e non se debía desenvolver xa que vai crear unha grave alteración, en especial ao se tratar dunha mina de ouro, de grande impacto ambiental. Sen embargo, non hai que quitar a vista de que están aparecendo novas explotacións en Forcarei, Santa Comba ou Viana do Bolo, relacionadas todas coa mesma empresa canandiense polo que compre ser moi precavidos e avaliar ben o alcance de cada un dos proxectos”. Alerta sobre o engano que sería deixarse levar polos postos de traballo que se poderían xerar a curto prazo diante do empobrecemento que supón de cara ao futuro.

As rías póñense tamén no punto de mira de Adega. “Diante dunha situación de claro deterioro, os sectores que traballamos pola conservación dos ecosistemas temos que conseguir reivindicar as rías como defensa da biosfera. O convinte sería traballar todos os sectores conxuntamente para potenciar a produtividade das rías”, afectadas todas elas, segundo di, por distintos niveis de contaminación polo que requiren saneamento. A Ría do Burgo ou a de Vigo -penalizada a nivel europeo- serían das máis afectadas, sen esquecer a de Pontevedra con Ence ou a de Ferrol con Reganosa.

Adega continuará tamén coa liña de traballo na defensa da compostaxe. “Non só como alternativa na eliminación de residuos senón na súa condición de xeneradora de emprego, pola posibilidade de fixar postos de traballo. Trátase de conseguir a redución de residuos e a súa utilización como materia orgánica, apoiándonos tamén na ILP que estamos levando adiante para evitar que se constrúa outra incineradora” explica a presidenta da asociación ecoloxista que botará a andar un traballo colaborativo cos concellos co fin de promover a compostaxe, indicando no seu caso a posibilidade de contar con pequenas plantas para a compostaxe de residuos co aforro orzamentario que isto supón. 

Afortalar as sinerxias con distintas entidades é unha das trabes nas que Adega baseará o seu funcionamento, con exemplos xa iniciados como a participación coa Alianza polo Medio Rural Vivo ou a Alianza Social.

Na Asemblea debateuse tamén ao respecto da propia organización, sinalando a necesidade do incremento do número de socios e o fortalecemento das delegacións nun momento en que o movemento asociativo se está a resentir pola falta de medios e apoios públicos. “Compre buscar novas vías de financiamento e novas formas de traballar para continuar coas liñas de acción que levamos desenvolvemento até o de agora”, sinala a presidenta, facendo especial mención aos programas de educación ambiental para os que teñen que buscar liñas de financiamento distintas ás da administración.

Aprobouse así mesmo a conveniencia de continuar co proxecto Eira da Xoana, que Adega botou a andar como unha iniciativa de recuperación global desde o punto de vista patrimonial e medio ambiental.

As liñas estratéxicas e as campañas quedaron definidas na Asemblea Xeral que Adega celebrou o sábado día 15 en Compostela na que se fixo unha renovación dunha directiva que continúa presidindo Virxinia Rodríguez. Entregáronse despois os premios Osíxeno -entre outros a Alfredo López- e Dioxinia que recaeron nos responsábeis políticos do Prestige a quen Adega sinalou unha vez “a xustiza non os apuntou e, contra o previsto, mesmo foron premiados con ascensos e cargos políticos. Co Dioxina queriamos, dalgunha maneira, imputalos” por un grave atentado ecolóxico do que aínda piden responsabilidades e do que, segundo denuncian, quedan efectos como os residuos almacenados ou consecuencias ambientais aínda non determinadas no seu vedadeiro alcance.

Comentarios