Adega denuncia que a Xunta transforma a Rede Natura nun polígono industrial

A Xunta poderá permitir construír piscifactorías, incineradoras ou autoestradas nun 50% da superficie da Rede Natura. No outro, abre xa “barra libre”, segundo a análise de ADEGA do novo Plano Director do que desaparece a zona de reserva para máximos valores. “Transforma a Rede Natura nun polígono industrial para beneficio dos especuladores amigos do poder”, advirte.

.
photo_camera .

O abuso da discrecionalidade e as excepcións é unha porta aberta á especulación, segundo denuncia Adega arredor do novo Plano Director da Rede Natura que a Xunta vén de aprobar que contempla apenas 390.000 hectáreas, a porcentaxe menor de todo o estado. 

Segundo a organización ecoloxista, o novo plano vai permitir construír piscifactorías, incineradoras, autoestradas e aumentar a edificabilidade no 50% das zonas de protección, no outro, o nivel de permisibilidade será aínda maior e a Xunta non impide que tanto en espazos de costa como interior, se podan facer, plantacións de eucaliptos, rallyes introdución de especies exóticas ou parques eólicos e minas. “Permítese unha ampliación de facto vía "modernización" e mesmo a minaría a ceo aberto, en teoría prohibida, pode seguir abrindo buracos en Rede Natura xa que fican excluídas da prohibición non só ás explotacións xa outorgadas senón tamén ás solicitadas”, denuncian. 

Para Adega a Xunta relaxa os niveis de control e baleira de contido as proteccións ambientais para “arrogarse a potestade de autorizar discrecionalmente calquera cousa”.  De gravidade é tamén, segundo a organización ecoloxista, que o goberno galego faga desaparecer a zona de reserva para territorios cos máximos valores ou necesidades de conservación, espazos declarados cando se detectaban hábitats ou especias singulares ou moi ameazadas. Sinalan que a mesma equipa que redactou este Plan, mais con outra dirección política, contemplaba en 2008 a área de reserva e unha maior zona de protección, o 53,5% fronte ao actual 26,4%, é dicir, o duplo do que agora se estipula. 

A fusión de zonas de “uso restrinxido” xunto coas de “uso moderado”, supón tamén para Adega a “rebaixa das cautelas ambientais nada menos que no 67,6% do territorio da Rede Natura Galega para permitir ou autorizar a discreción actividades non tradicionais, maila á presenza de hábitats prioritarios”.

Intereses económicos e políticos por riba

No novo plan, para Adega, a Xunta antepón os intereses económicos e políticos á obriga de conservar o patrimonio natural e, desta maneira, convirte en regra o que para a Directiva de Hábitats e a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade é excepción. 

“Feijóo e Hernández abren a porta para que de xeito discrecional e ao abeiro do que decida o conselleiro de turno, actividades manifestamente agresivas e opostas aos obxectivos de conservación poidan ser declaradas "compatíbeis" e autorizadas pola Xunta,,mesmo nas zonas de maior valor”, denuncian desde Adega, dun Plano Director que consagra a “discrecionalidade, a arbitrariedade, o clientelismo e a especulación na xestión do noso patrimonio natural máis valioso e transforma a Rede Natura nun polígono industrial para beneficio dos especuladores amigos do poder, en prexuízo da poboación local e do uso sustentábel destes espazos”.

Comentarios