mércores 14/04/21

Adega acusa ao desleixo da Xunta da traxedia do Pindo

Adega responsabiliza á Xunta e en especial ao Conselleiro de Medio Ambiente da traxedia do Monte Pindo e fai un chamamento á cidadanía para que continúe apoiando a iniciativa para ser declarado Parque Natural. 

“Son tan culpábeis como os que incendiaron” di Adega con respecto á deixación da Xunta ao non ter protexido o Pindo malia as múltiples voces que reclamaban a súa conversión en Parque Natural, entre elas a da propia asociación. 

A asociación lembra que o Pindo sufrira outro inmenso incendio no 2005 e, malia iso, a Xunta non mudou en nada a súa protección, a pesares de que moitos colectivos esixían desde hai tres anos a súa maior protección. 

“A incompetencia, a inoperancia e o desleixo cómplice da Xunta para co Monte Pindo están tamén detrás da catástrofe que hoxe lamentamos. Porque non só é culpábel quen prende o lume, senón tamén os que por inacción ou omisión, impiden que a cidadanía se implique na conservación do noso patrimonio natural, facendo que agromen sinerxias e oportunidades que reforzarían o compromiso da sociedade con este espazo senlleiro” din desde Adega que claramente responsabiliza “á administración ambiental e nomeadamente ao conselleiro Sr. Hernández desta desfeita”. 

comentarios