Acordo entre Aurelia e a familia Pereira

Segundo puido saber Sermos Galiza, o avogado de Aurelia, a anciá coruñesa sobre a que pesaba unha orde de desafiuzamento, chegou a un acordo coa familia Pereira, a dona da morada en que aquela viveu desde 1979. En virtude dese acordo, Aurelia deixará de morar en Padre Feijóo número 9. Finalmente, a comparecencia informativa de Stop Desafiuzamentos será esta segunda feira apartir das 9.30 horas.

O acordo fragouse a pasada sexta feira, mas houbo tirapuxas e non se deu concretizado até hai apenas unhas horas. Onte mesmo Aurelia chegou a rachar un papel que previamente asinara.

Fontes próximas á negociación indicaron a Sermos Galiza que Aurelia Rey irá viver agora a un piso na rúa Falperra. Descoñécese se ese inmóbel é tamén propiedade da familia Pereira.

Esquerda Unida da Coruña informou sobre a existencia do acordo através da súa conta twitter nun chío emitido por volta das 22.30 horas en que se remitía ao blog de Stop Desafiuzamentos da Coruña. Porén, nese caderno dixital non hai aínda ningunha referencia a este asunto.

Aurelia Rey ía ser despexada da súa morada, pola que pagaba un aluguer de 126 euros, por demorarse no pagamento da renda correspondente a un mes, débeda que máis tarde pagaría. Os seus ingresos son de apenas 375 euros mensais, unha pensión non contributiva.

Comentarios