Un accidente como o de Angrois sería imposíbel en Portugal

Un accidente como o que se produciu no Alvia ao paso pola curva da Grandeira sería imposíbel en Portugal. É a conclusión da análise que hoxe publica o xornal Público, que cotexa a rede ferroviaria lusa coa traxedia de Angrois. 

Comboio de alta velocidade en Portugal
photo_camera Comboio de alta velocidade en Portugal

A aplicación do sistema Convel xunto cos poucos trens que poden circular a 190 quilómetros son as dúas razóns que, segundo o xornal luso, fan practicamente imposíbel un accidente como o de Angrois na rede ferroviaria portuguesa, segundo a información publicada hoxe no xornal Público. 

Portugal conta con 1300 quilómetros de rede na que se aplica un sistema de seguridade superior a ASFA e  630 quilómetros, arredor da terza parte, que dependen de medios humanos. O sistema Convel impide que os comboios superen a velocidade permitida en cada tramo. 

Segundo o xornal luso, tamén nas súas vías se atopan tramos nos que é obrigado reducir a velocidade de 200 para 80 qm/hora como na liña Ourense-Santiago e cita, de maneira singular, a viaxe entre Lisboa e Porto. Na que cualifica como “rallye ferroviario” conviven tramos nos que se pode circular por baixo dos 100 quilómetros e noutros nos que é posíbel alcanzar os 220. Mais isto non pon o comboio na situación de perigo do Alvia xa que o sistema Convel controla o tren e obrígao a respectar a curva de freado se o maquinista non respondera ás indicacións. O Convel detén o comboio cunha freada de emerxencia se o condutor non reducira a velocidade conforme ao límite estipulado.  

"O sistema Convel controla o tren e obrígao a respectar a curva de freado se o maquinista non respondera ás indicacións"

O xornal luso indica que tampouco sería posíbel en Portugal un choque frontal como o acontecido na Suíza xa que o Convel non permitiría saír a un dos comboios mentres o outro non materializara a súa chegada. 

Sen embargo, este control de seguridade convive cunha rede ferroviaria na que unha parte responde aínda a mecanismos do século XIX e hai mesmo tramos nos que o xefe de estación se ten que comunicar telefonicamente coa estación seguinte para asegurar o traxecto do tren. A dependencia do procedemento do comportamento humano fai que se reforce a seguridade con distintos procedementos co fin de evitar erros. 

Comentarios