Atacar a Almunia, como único responsábel das desventuras do naval galego, é xa todo un clásico desde as fileiras do PP. Agora súmase a esta liña discursiva o alcalde de Vigo, compañeiro de partido do comisario da Competencia.
Nunha entrevista nas emisoras galegas da SER, o alcalde de Vigo alertou contra a hipótese de que Almunia poda vir a dar o "golpe de graza" contra o naval vigués, ao adoptar unha resolución sobre o tax lease que impida aos esteleiros da cidade olívica teren opcións de competir en pé de igualdade con factorías ubicadas noutros Estados europeus.
Caballero demanda que os gobernos galego e estatal compoñan unha "frente común" para disuadir a Almunia de que adopte determinacións que resulten contrarias aos intereses do naval vigués.
O alcalde de Vigo manifestou que Almunia coñece a súa posición a respeito deste asunto.