ABANCA quere controlar e autorizar a militancia política e sindical do persoal

“A participación directa en política, institucións públicas ou organizacións sociais o sindicais alleas ao banco (..) deberá ser comunicada previamente ao Comité de Ética do Banco” lese nun dos artigos do Código Ético da entidade.

ABANCA enviou esta quinta feira o seu Código Ético, de obrigado cumprimento, ao seu persoal, un texto no que, para a CIG, se están a limitar os dereitos políticos e sindical e atenta mesmo contra os dereitos humanos e os dereitos fundamentais recoñecidos na Constitución. 

“A participación directa en política, institucións públicas ou organizacións sociais o sindicais alleas ao banco, aínda  sendo lexítimas, poden ser incompatíbeis co exercicio activo no banco. Deberá ser comunicada previamente ao Comité de Ética do Banco”, di no seu artigo 120, un dos que mostran con máis claridade, segundo o secretario nacional de CIG-Banca, a conduta antisindical e de restrición de dereitos políticos de ABANCA. Chama a atención tamén, na propia redacción, a formulación de organizacións sindicais “alleas ao banco”, o que, pode deixar ver a posibilidade de que a empresa controle as súas propias organizacións amarelas. 

A CIG-Banca reclamou a retirada dun documento que se reparte ao persoal xusto o día despois da mobilización polo despedimento dun traballador

A dirección da empresa no Comité de Ética

A CIG-Banca reclamou a retirada dun documento que se reparte ao persoal xusto o día despois da mobilización desenvolvida en Pontevedra como sinal de denuncia do despedimento dun traballador que se ía presentar na candidatura ás eleccións sindicais. A central nacionalista presentou tamén denuncia por vulneración de dereitos fundamentais perante a Inspección de Traballo. 

Pola súa parte, o BNG rexistrou no Parlamento, por medio d@s deputad@s Francisco Jorquera e Montse Prado unha iniciativa na que, ademais, poñen o foco en que o Comité de Ética ao que, segundo o código, terá que ser comunicada a relación con partidos ou sindicatos está presidido  polo Conselleiro Delegado, o secretario é o Director Xeral de “Capital Humano” e os vogais son o Auditor Xeral e os Directores Xerais de Control Corporativo e Riscos, Goberno Corporativo e Asuntos Legais e Responsabilidade Social Corporativa, é dicir, Miguel Ángel Escotet, irmán do Sr. Juan Carlos Escotet, Vicepresidente de Abanca e Presidente do Grupo Banesco Internacional. O persoal terá, polo tanto, que dar conta da súa afiliación diante da alta dirección do banco que será quen tome a decisión de compatibilidade ou non coa empresa. 

O Código recolle que á entidade se lle outorga tamén o dereito de “exercitar as accións legais oportunas para corrixir o uso de símbolos, indumentarias do persoal

A CIG-Banca denunciou o Código diante da xustiza “sen menoscabo doutras posíbeis actuacións, dado que estamos ante unha vulneración flagrante dos dereitos recollidos na Constitución española, na Carta de dereitos Europea e nos Convenios da OIT”, sinala o secretario nacional de CIG-Banca, Clodomiro Montero, ao falar tamén dunha “política organizada” por parte dos novos propietarios da entidade privatizada polo PP, para “reprimir ao persoal e impedir que este poida organizarse para defender os seus dereitos sociais e laborais”.

Lembra tamén que o Código recolle que á entidade se lle outorga tamén o dereito de “exercitar as accións legais oportunas par corrixir tales actuacións”, referíndose ao uso de símbolos, indumentarias ou á utilización do vocabulario. Defende neste sentido ABANCA o seu dereito a protexer a súa reputación e, polo tanto “poderá exercitar as accións legais oportunas para corrixir tales actuacións” no caso que consideren que poden “colisionar co ideario da entidade na medida en que se practiquen condutas incívicas que danen o bo nome da mesma”. 

Comentarios