Abanca, unhas contas que non dan

De non ser polos preferentistas Abanca rexistraría perdas por riba dos 550 millóns de Euros. A entidade recibiu 36.925 millóns de euros de axudas públicas desde 2008 mais debe facer fronte antes de fins de 2015 a vencementos de débeda co Estado e ao BCE por 8.000 millóns. Sitúase á cabeza de refinanciación de créditos dubidosos, o 91,7% fronte ao 64,1% de media do sector.  

Escotet e Feijóo
photo_camera Escotet e Feijóo

A intervención por parte do Estado Portugués do Banco do Espírito Santo, a terceira entidade de crédito do País veciño e que presentaba un furado de máis de 4000 millóns de euros, certifica o que moitos economistas veñen afirmando sobre a situación de quebra do sistema financeiro europeo ou no mellor dos casos das dificultades nas que atopa, como acontece no informe de febreiro do Banco Internacional de Pagos (BIS), o regulador bancario internacional. Así segundo se recolle no referido documento do Banco Internacional de Pagos de Basilea  as entidades de crédito da Eurozona precisarían en 2014 axudas públicas por un monto 767.303 millóns de Euros, dos cales 91.853 millóns corresponderíanse coas necesidades de capital da banca española.

"Dos 18 millóns de Euros de beneficios arredor de 564 millóns correspóndense coas plusvalías obtidas polas quitas e o troco das participacións preferentes"

A situación na que se atopa Abanca no dá pé ao optimismo a pesar dos 36.925 millóns de euros de axudas públicas recibidas desde 2008, posto que debe facer fronte antes do 31 do decembro de 2015 a vencementos de débeda co Estado e o Banco Central Europeo por un importe de preto de 28.000 millóns de débeda. Pero aínda hai máis posto que a entidade propiedade do grupo venezolano Banesco situase á cabeza do Estado en canto refinanciación de créditos dubidosos, o 91,7 % fronte o 64,1% no que se atopa a media do sector, perde cota de mercado no territorio galego de xeito acelerado e ten que facer fronte a un crédito fiscal de 2.500 millóns de euros antes de 2017.

Os resultados presentados por Abanca e validados tanto polo regulador estatal como polo Banco Central Europeo nos que declaraba uns beneficios en 2013 de 18 millóns de Euros son sen dúbida algunha o mellor exemplo da delicada situación na que se atopa a entidade. Así destes 18 millóns de Euros de beneficios arredor de 564 millóns correspóndense coas plusvalías obtidas polas quitas e o troco das participacións preferentes e da débeda subordinada que a entidade realizou ao longo deste exerzizo cos milleiros de galegos e galegas que quedaran atrapadas nestes produtos complexos que tanto Caixa Galiza como Caixa Nova utilizaron para capitalizarse, co amparo do Banco de España, fundamentalmente desde 2008.

"O futuro para a entidade que acolle preto do 37% dos aforros dos galegos e galegas non pode ser máis preocupante"

Á vista destes dados falar de beneficios resulta de risa, posto que de non ser outra vez polos preferentistas estaríamos a falar de perdas por riba dos 550 millóns de Euros. O futuro para a entidade que acolle preto do 37% dos aforros dos galegos e galegas non pode ser máis preocupante, sumándolle como temos, un escenario estatal e europeo que deixa poucas dúbidas sobre unha repetición a curto prazo da situación vivida no 2007 e 2008. Hai que agarrarse, porque imos a comezar a transitar na crise con toda a súa intensidade e de xeito moi particular na zona euro polas dificultades que enfronta o sistema financeiro alemán con necesidades de capital de 285.365 millóns de euros ou o francés con necesidades de capital de 199.377 millóns de euros e así até a práctica totalidade dos países europeos que enfrontan un furado segundo o BIS para 2014 de 767.303 millóns de euros.

Comentarios