A Xunta segue sen ter prazos para a construción dos floteis en Ferrol

Conta atrás para salvar o sector do naval e a Xunta segue sen dar prazos para a construción dos floteis en Ferrol. BNG e PSOE piden pleno urxente do Parlamento e os presidentes de Asturias, País Vasco e Galiza xúntanse no Ministerio de Industria. 

Manifestación Naval Vigo
photo_camera Manifestación Naval Vigo

O conselleiro de Industria, Francisco Conde afirmou nunha entrevista na Ser que o sector dos estaleiros privados “está na UVI e pode desaparecer” se “Almunia non dá marcha atrás”, dixo. Defendeu, sen embargo, que até o 17 hai tempo aínda para “evitar o desastre” mais non deu, pola contra, prazo algún para a construción dos dous floteis prometidos para Ferrol. “As datas téñenas que concretar tanto Barreras como Pemex”, dixo, do que foi unha das promesas electorais na campaña de Feijóo á Xunta. 

A conta atrás para impedir o aforcamento do sector pola devolución dos case tres mil millóns de tax-lease acelera os movementos políticos e hoxe á tarde os presidentes de Galiza -a máis afectada- Asturias e País Vasco están convocados no Ministerio de Industria para abordar o tema. No Parlamento, tanto BNG coma PSOE esixen a convocatoria dun pleno extraordinario e os nacionalistas falan mesmo na posibilidade de “acampar” en Bruselas para impedir o aniquilamento do sector. Lamentan a actitude feble do goberno da Xunta diante da UE. 

Desde a CIG insisten na necesidade de convocar unha folga xeral na comarca de Vigo diante da anunciada “morte” do sector.

Comentarios