A Xunta paga ás traballadoras readmitidas de Agader para estar na casa

A CIG considera que nun momento no que a Xunta está a recortar en cousas tan graves como os comedores infantís,pagar ao persoal sen darlle traballo e habendo labores que desenvolver é “unha estratexia para finalmente poder alegar que non saben onde recolalos nin que ocupación darlles”.

Agader

A Xunta paga ás traballadoras readmitidas de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) por orde xudicial, sen darlles traballo efectivo e nin sequera un lugar físico onde estar. Así o denunnian CIG e traballadores, asegurando que este ente público pretende así "evitar que se visualice que existe traballo que este persoal poderían realizar". En novembro de 2012 AGADER despediu a 23 traballadoras logo de facer unha modificación da Relación de Postos de Traballo “feita a medida para despedir ao persoal que denunciara unha situación laboral irregular e que gañara os xuízos”, lembra Renato Núñez, de CIG-Compostela.

Un grupo de traballadores pechouse en Mwdio Rural para denunciar a situación

Estes despedimentos están a ser declarado nulos nos diferentes xuízos que se están a celebrar e obrigan á súa readmisión no mesmo posto de traballo e coas mesmas condicións. A CIG solicitou, ante a coincidencia en todas as sentenzas ditadas até o momento, que se procedera "á readmisión de todo o persoal despedido para evitar os custos económicos e persoais derivados desta situación". Mais o ente non só non readmite ás persoas, denuncian desde a central, que aínda están agardando a que se dite sentenza, senón que ademais “opta por manter na casa aos traballadores con sentenza ditada, pagándolles o salario e sen darlles traballo efectivo” .

Labores a desenvolver

O secretario de Organización da CIG de Compostela considera que nun momento no que a Xunta está a recortar en cousas tan graves como os comedores infantís, está tirando cartos, pagándolle ao persoal sen darlle traballo e habendo labores que desenvolver. “É unha estratexia para finalmente poder alegar que non saben onde recolalos nin que ocupación darlles”.

Fronte a isto, o persoal asegura que hai expedientes pendentes que acumulan meses de atrasos aos que se podería dar a axeitada tramitación se se contara con estas persoas para facer o que mellor saben: traballar.

Comentarios