A Xunta non descarta a privatización das oficinas de emprego

A administración autonómica recorta os contratos de 109 promotores de emprego e a directora xeral de Formación indica que hai que ir derivando "a outro tipo de empresas que poidan contribuír a promover o emprego"
Reforma laboral, máis desemprego

A directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz, recoñeceu en sede parlamentar, en resposta a unha pregunta do BNG, que ao abeiro da recente reforma laboral a Xunta abre a porta á privatización das oficinas públicas de emprego, de aí o recorte dos contratos a 109 promotores, que concluían o seu labor en decembro deste ano e agora se adianta a finais deste mes de xuño.

A directora xeral asegurou ao deputado nacionalista Henrique Viéitez que non se van desmantelar as oficinas de emprego, mais engadiu que o máis importante non é quen promove o traballo senón que exista ese traballo que ofertar, “e para iso hai que colaborar man a man as oficinas públicas e outro tipo de empresas que poidan contribuír a promover emprego”.

Henrique Viéitez lamentou ter que corroborar as súas sospeitas, xa denunciadas noutro debate en sesión plenaria, de que tras a decisión de recortar os contratos a estes promotores de emprego se agochaban outras intencións.

O deputado nacionalista lembrou que estas 109 persoas foron contratadas para os anos 2011 e 2012, garantindo a súa estabilidade, funcións e financiamento, co obxecto de favorecer a empregabilidade sobre todo en colectivos con especiais dificultades de inserción, como os menores de 30 anos e os parados de longa duración.

Na Galiza, as persoas desempregadas menores de 30 anos xa suman máis de 55.000 e as de longa duración máis de 110.000

Medre do desemprego e partida orzamentaria

O parlamentar explicou que estes traballadores non só asinaron un contrato como funcionarios interinos até o 31 de decembro senón que nos orzamentos da Xunta para o exercicio vixente hai unha partida de 5,6 millóns de euros específica para promotores de emprego. “Hai consignación orzamentaria, os dados do desemprego cada mes son máis alarmantes, non van a menos, como se xustifica, entón, a restrición dos contratos e o fin dos mesmos o 31 de xuño?”, preguntou o deputado.

Neste sentido, lembrou que na Galiza, @s desempregad@s menores de 30 anos xa suman máis de 55.000 persoas e as de longa duración máis de 110.000, case a metade do desemprego total, e o pasado mes, mentres no resto das comunidades autonómas se rexistraba algo de melloría, aquí os parados sumaban máis de 800 novas persoas.

Baixo rendimento

Neste contexto, Viéitez considerou máis que xustificado o mantemento deses promotores de emprego, distribuídos entre A Coruña (44), Lugo (10), Ourense (12) e 43 para a provincia de Pontevedra.

O parlamentar criticou a “radiografía” que fixo a directora xeral destes traballadores, dando a entender –malia que no seu segundo turno de intervención tentou matizar as súas palabras- que “non rendían” porque nalgunhas ocasións só realizaban un par de entrevistas ao día.

Comentarios