A Xunta desoe as propostas da oposición e non gravará as rendas máis altas

Nin reforma fiscal nin novo modelo de financiamento para Galiza. Cumprimento do défice e máis austeridade. Esas son as premisas que marcarán a política orzamentaria do goberno de Núñez Feijóo para 2013. Así o debullou a conselleira de Facenda nesta cuarta feira en que encetou o proceso lexislativo dos Orzamentos da Xunta.
Parlamento
photo_camera Parlamento

"Para vostedes a crise económica é un fenómeno climatolóxico. Xa pasará". Así interpelou o deputado parlamentar do BNG, Carlos Aymerich á conselleira de Facenda, Helena Muñoz, durante a primeira das numerosas sesións que compoñen o proceso lexislativo dos Orzamentos para 2013. Os grupos da oposición, criticaron con dureza o anteproxecto presentado polo executivo ao que o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras considerou "o conto da boa pipa, que sempre remata cun, queres que cho conte outra vez?".

Aymerich: "O aumento do défice débese a que están a asumir as débedas da banca como débeda pública"

Porén, a conselleira Helena Muñoz, mantivo a mesma actitude que @s demáis membros do goberno e, coma quen oe chover, asegurou que os Orzamentos presentados "son prudentes" e garanten "a estabilidade e a cohesión social" que Galiza precisa. Nin as denuncias aos recortes previstos --que ascenden a 650 millóns de euros en política social, nin as reducións orzamentarias en políticas activas de emprego, vivenda ou cultura fixeron a Mosquera recuar na súa consideración. Apoiada polo seu compañeiro de partido e voceiro do grupo popular, Pedro Puy, recuncaron na idea de que as contas públicas presentadas son "as que dan máis autogoberno e autonomía a Galiza", aseverou Puy, fronte a outros territorios do Estado español que recorreron ao fondo de rescate autonómico durante 2012.

O défice como mantra
O cumprimento co obxectivo de déficit marcado desde Madrid e Bruxelas continúa a ser a idea forza do goberno galego. Muñoz, mesmo chegou a dicir durante a sesión, que era o elevado índice de défice o que aumentaba unha taxa de desemprego que en Galiza se sitúa xa no 21%. Pola súa banda, o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, retrucoulle á conselleira que o déficit público contraído pola economía galega se debe á "nacionalización da débeda privada", e non ao suposto sobre-gasto da época anterior como defenden desde a Xunta. Aliás, o nacionalista asegurou que ese aumento se debía ao "trasvase de diñeiro procedente do ensino público, a sanidade... directamente aos bancos", facendo da "débeda privada, débeda pública". Non houbo resposta.

Beiras: "Eu cría que estes orzamentos eran unha inocentada"

Tamén o portavoz de AGE dixo negar "a maior" e denunciou que a "política de austeridade" promovida desde o Partido Popular baixo a premisa do control do déficit, "non é tal cando os ricos son cada vez máis ricos", apelando desta maneira aos últimos datos coñecidos publicamente que amosaban un enriquecemento do 15% para as grandes fortunas mundiais. Entre elas a de Amancio Ortega.

Porén, a conselleira continuou a defender as contas presentadas asegurando que a diferenza entre ingresos e gastos, exixía un uso máis "racional" dos orzamentos e con ese obxecto se propuñan os recortes recollidos no anteproxecto. Malia que o deputado do BNG asegurou que tal diferenza deviña do propio modelo de financiamento asinado por Galiza e da negativa do goberno de Núñez Feijóo a gravar máis as rendas máis altas cunha reforma fiscal, a conselleira recuncou na idea de que fora o manido "herdo recibido" o que ocasionara a realidade actual.

Cun marcado ton "técnico" que deu boa conta do modelo de xestión que se defende desde a Xunta de Galiza, a primeira das sesións deixou ver cal será a tónica xeral do proceso. "Agradezo as súas aportacións aos grupos", asegurou Helena Muñoz, mais ningunha delas será incorporada ao proxecto.

Comentarios