A Xunta recúa e mantén o profesorado substituto após a denuncia da CIG-Ensino

O sindicato nacionalista denunciou as rescisións de contrato que a Consellaría de Educación estaba a desenvolver entre o persoal substituto con data do 21 de xuño

A Xunta manterá finalmente os contratos do profesorado substituto até o 30 deste mes de acordo co calendario escolar. Así o anunciou logo da denuncia pública manifestada pola CIG-Ensino que exixía á administración o cumprimento da normativa vixente e o mantemento das substitucións até o final de mes. 

Desde a CIG consideraron "un desatino gravísimo" a decisión da Consellaría de Educación e atribuíron as rescisións ao "obxectivo único de recortar" nun colectivo que ademais, din, "traballa nunhas condicións especialmente precarias, con cambio de localidade no seu posto de traballo", obrigad@s a ficaren a disposición da administración permanentemente e de incorporarse de inmediato cando son chamad@s. 

Asemade, lembran, a Consellaría de Educación xa decidiu o pasado ano "de maneira unilateral" non pagar as vacacións a este colectivo no caso daquel@s docentes que traballaran 5 meses e medio. 

"É un exemplo máis de cómo a Consellaría decide incumprir a súa propia normativa para a aplicar recortes", aseguran desde a central nacionalista. A CIG-Ensino denuncia, aliás, que non se están a cubrir as baixas que se produciron nos centros nas últimas semanas. 

Comentarios