A Xunta mantén a Fernández de Sousa como presidente do padroado do CGAC

O goberno de Núñez Feijóo mantén como presidente do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a Manuel Fernández de Sousa-Faro, o responsábel de afundir Pescanova e sobre o que pesan sospeitas de se ter aproveitado de información privilexiada para especular coas accións da empresa desde a súa presidencia. Fontes consultadas por Sermos Galiza apuntan a que De Sousa tería presentado a súa renuncia hai xa semanas, mas oficialmente o Consello da Xunta non tería tomado coñecimento do seu hipotético abandono.

Núñez Feijóo e Fernández de Sousa
photo_camera Núñez Feijóo e Fernández de Sousa

O presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro, continúa a presidir o padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea, malia as acusacións que pesan sobre el de ter empregado información privilexiada para se lucrar coa venda de accións da empresa que levou á quebra. 

O Consello da Xunta presidido por Núñez Feijóo nomeara a de Sousa-Faro presidente en febreiro de 2011, en substitución de Vicente Arias. Núñez Feijóo defendera entón a necesidade de “renovación” total do padroado, unha vez fora nomeado tamén como director Miguel Von Hafe. Entón, valoráranse como méritos de de Sousa a presidencia de Pescanova como empresa líder no sector e o pertencer aos consellos de administración de Unión Fenosa, Corporación Financieira de Galicia ou Mutuapesca. 

O nomeamento de de Sousa está asinado por Núñez Feijóo e o que era entón conselleiro de Cultura, Roberto Varela nun decreto do 24 de febreiro de 2011.

Fontes consultadas por Sermos Galiza informan que o presidente de Pescanova tería renunciado ao seu cargo no padroado hai xa varias semanas, mas o certo é que o Consello da Xunta non tomou coñecimento desa presunta demisión. No Diario Oficial de Galiza non hai nin rastro do cesamento de Fernández de Sousa nen tampouco do nomeamento da persoa que eventualmente o fose relevar. Oficialmente, e a ollos do órgao que o nomeou, o Consello da Xunta, Fernández de Sousa continúa a ser o presidente do padroado.

Cumpre salientar a este respeito que o presidente da Xunta, onte en conferencia de imprensa, evitou pedir responsabilidades ao máximo directivo de Pescanova pola delicadísima situación que atravesa a compañía (debe 3.100 millóns de euros) e polas súas prácticas especulativas (o executivo vendeu accións da súa propia empresa por valor de 30 millóns de euros antes de que fose a concurso de acredores). Algunhas fontes indican que a Comisión Nacional do Mercado de Valores podería impor a Fernández de Sousa unha multa superior a 1 millón de euros por pretenso abuso de información privilexiada.

Tamén Gayoso e Méndez

Fan parte tamén do Padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea os que foran presidentes das Caixa Nova e Caixa Galicia, Julio Fernández Gayoso e José Luis Méndez que se viron na obriga de devolver as medallas de ouro de Vigo e a Coruña como responsábeis das desfeitas das caixas e do calote das preferentes.A páxina web do CGAC recolle a presenza no padroado do centro da Consellaría de Cultura da Xunta a Fernández de Sousa, Fernández Gayoso e Méndez.

Admira comprobar como desde a web do CGAC non é posíbel, nunha navegación normal, dar co padroado. Sermos Galiza achou o enlace após rastrexar na rede. A impresión que dá é a de que se fixo desaparecer da web, deliberadamente, a composición do órgao presidido polo empresario amigo de Feijóo.

Comentarios