A Xunta enterra a pita do monte que matou Manuel Fraga

Nos anos oitenta, Manuel Fraga, cazaba unha das últimas pitas do monte dos Ancares, que pasou a exhibirse como trofeo do presidente. A Xunta abandona agora o proxecto Life para a recuperación da especie e dálle o tiro de graza á fermosa ave que poboaba as serras orientais.

pita do monte
photo_camera pita do monte

A comezos dos anos oitenta, o presidente da Xunta, Manuel Fraga cazou nos Ancares un dos últimos exemplares de pita do monte. O animal, disecado, exhibiuse como trofeo no albergue da Campa de Fieiró e é unha das poucas posibilidades de contemplar a beleza desta ave que xa non se atopa nos montes galegos. Xa daquela, a poboación non superaba o medio cento de exemplares que desapareceron en menos de tres décadas. 

A Xunta abandona agora o proxecto Life que tiña como obxectivo recuperar a pita do monte co que “certifican a definitiva extinción desta xoia do noso patrimonio cultural” denuncia Adega. “Fraga cazou un dos últimos machos de pita do monte nos Ancares, agora os seus sucesores ideolóxicos acaban de roubarnos a posibilidade de que unha especie emblemática da nosa natureza volva cantar nos seus territorios ancestrais” lamentan desde a asociación ecoloxista que comparan cos gobernos de Asturies, Castela-León e Cantabria que están a traballar pola recuperación da especie. Reclaman, desta maneira, que a Xunta non abandone á que sería a última posibilidade de recuperar un animal que é símbolo da Serra dos Ancares. 

Protexida e desaparecida

A Xunta renuncia á xestión de fondos da Unión Europea que supoñen un 15% dos impostos destinados á conservación e espazos naturais. Segundo Adega, as razóns que a Xunta dá para renunciar aos cartos do programa Life para a recuperación da pita do monte é que “decidiu priorizar outros gastos”. A Adega chámalle a atención que a mesma cantidade -300.000 euros- que agora a Xunta decide “priorizar” esquecendo a recuperación da pita do monte, son os mesmos cartos cos que apoia entidades que traballan ao sector mineiro. 

Desde 1986, a pita do monte ten condición de especie protexida. Entre 20 e 30 machos atopábanse na Serra dos Ancares nos anos oitenta, mais agora dáse practicamente por extinguida. A súa presenza defínese como de “aparicións esporádicas non permanentes”. O informe do programa Life destacaba as posibilidades de recuperación dado o hábitat e as condicións dos Ancares. 

A pita do monte é un animal de grande beleza que se consideraba un emblema da serra dos  Ancares. Xa o escritor Xosé María Castroviejo recoñecía que calquera cazador tiña que experimentar “por moito que lle ilusione a noble presa cobrada, unha sensación de remordemento no fondón da conciencia. Como algo non moi limpo, ao contemplar coa primeiros raios do día a fermosura caída”. Cunqueiro, en cambio, destacaba a súa condición de “ilustre manxar” malia que esa valoración tamén levaba a que lamentase “canto perdemos con que non ande máis veciño e abundante polos bosques galaicos”.

Comentarios