Fernández de Sousa apresentou a súa renuncia como presidente do Padroado do CGAC

Fontes da Consellaría de Educación e Cultura informaron a Sermos Galiza de que o presidente de Pescanova, Fernández de Sousa, apresentou a renuncia ao seu cargo de presidente do padroado do CGAC. O empresario que levou a Pescanova á suspensión de pagamentos remitiu unha carta ao conselleiro de Educación, Xesús Vázquez. Tamén terían apresentado a renuncia aos seus cargos como vogais do padroado os ex directores xerais das caixas, Méndez e Gayoso.

CGAC
photo_camera CGAC

Manuel Fernández de Sousa-Faro, o responsábel do afundimento de Pescanova, teríalle presentado en datas próximas ao Conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, a súa demisión a través dunha carta na que expresaba a vontade de abandoar o organismo. Segundo a propia Consellaría, ningún órgao tomou aínda coñecimento da renuncia xa que, desde que de Sousa remitira a carta, aínda non foi convocada ningunha xuntanza do Padroado. Será entón cando, sempre desde as fontes oficiais da Consellaría, a demisión sería aceitada e se procedería á publicación oficial do abandono do cargo a través do procedemento establecido. Manuel de Sousa-Faro foi nomeado nun Consello da Xunta e o nomeamento saíra publicado no Diario Oficial de Galiza en febreiro de 2011.

De cesar De Sousa, a súa marcha do organismo necesariamente terá de ser publicada no Diario Oficial de Galiza. A Consellaría, en conversas con Sermos Galiza, non foi quen de concretizar en que momento o presidente de Pescanova apresentou a súa renuncia, nen tampouco explicou por que aínda non foi convocada ningunha reunión do padroado para tomar coñecimento da hipotética demisión do seu presidente.

O departamento que dirixe Xesús Vázquez, responsábel do Centro Galego de Arte Contemporánea, informa tamén de que na mesma situación estarían os que foran presidentes de Caixa Nova e Caixa Galicia, Julio Fernández Gayoso e José Luis Méndez, que até a actualidade figuran como vogais do padroado. Aliás, neste momento na web do CGAC, e nunha navegación normal, é materialmente imposíbel achar ningunha información sobre a composición do padroado. Só pescudando na rede se pode atopar un enlace coa listaxe dos nomes que a conforman, entre os que se atopan o de de Sousa Faro, Méndez e Gayoso.

Malia ter sido nomeado polo Consello da Xunta, ter sido publicado o seu nomeamento no DOG e saír amplamente en todos os medios de comunicación do país no seu momento, o voceiro do PP no Parlmaento, Pedro Puy, afirmaba esta segunda feira que ignoraba o feito de ser Fernández de Sousa presidente do CGAC. A preguntas de Sermos Galiza, Puy apuntou que “non era momento de abordalo” cando, ao seu ver, o prioritario é resolver a "difícil situación económica" que atravesa a entidade. 

A deputada do BNG, Ana Pontón demandoulle ao goberno de Núñez Feijóo a través de varias iniciataivas rexistradas no Parlamento o cese inmediato “como membros do Padroado do CGAC tanto ao presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro como de Julio Fernández Gayoso ou José Luis Méndez". 

Comentarios