A viguesa Carla Andrade gaña o certame internacional B-ELLAS Artes

A viguesa Carla Andrade co seu proxecto “Paths to Land” resultou gañadora do certame organizado pola fundación FIArt no marco do II Festival Miradas de Mujeres.
Certame B-ellas artes
photo_camera Certame B-ellas artes

 A convocatoria, dirixida a mulleres artistas, faise co obxectivo de lograr que no mundo da cultura, a muller obteña igualdade de oportunidades e trato. Ao certame presentáronse 117 propostas expositivas. Carla Andrade (Vigo, 1983) mostrará o proxecto gañador na sede da Fundación FIArt en Madrid. O xurado, composto entre outros polo crítico e comisario Carlos D. Mayordomo e Alma Ramas, directora de XTRart, outorgou de xeito unánime o galardón á galega “pola súa grande capacidade de suxererir a través dun excepcional aforro de medios expresivos. O seu traballo parte dos canons tradicionais do xénero da paisaxe e, ao mesmo tempo, prantexa novas connotacións emocionais e metafóricas. A idea do territorio como un espazo inabarcábel espeta as súas raíces na sensibilidade romántica, herdanza á que Andrade suma unha reflexión sobre o camiño como elemento artificial que precisa o home para aferrarse ao xigante natural”.

O premio obtido por Carla Andrade consiste nunha exposición individual na sede da Fundación FIArt (Fondo Internacional de Arte) de Madrid durante o mes de marzal, no marco do II Festival Miradas de Mujeres organizado pola Asociación de Mujeres en las Artes Visuales (MAV). O proxecto, realizado en Islandia, terá unha montaxe expositiva a modo de atlas en clara referencia a Aby Warburg.

“Paths to Land” é un proxecto fotográfico feito en negativos de 35mm e de perfil continuísta con respecto a traballos anteriores da autora como “Paisaxe suspendida”, que se expuxo en Ourense en PhotoArt, na Sección Oficial do Festival Outono Fotográfico. A modo de “atlas” e de xeito non-narrativo, o proxecto recolle, sen afán cartográfico, unha serie de imaxes de montes.

Andrade asegura que o proxecto “versa sobre camiños e paisaxes, é unha cosmoloxía de elementos novos recoñecíbeis. Os camiños móstranse como novas metáforas, como novos terreos por conquistar. Xogo coa ide ade camiño como orixe, como elemento de guía, pero da que só se controla unha parte, pois o fin é impredecíbel, por iso é un misterio en si mesmo.

Comentarios