Un erro da TVG vincula Stop-desafiuzamentos coa marcha vasca pol@s pres@s de ETA

As imaxes dunha acción desta plataforma cidadá en Compostela foron empregadas pola canle pública para informar dunha mobilización que se realizará o 12 de xaneiro en Bilbo e que si apoia o colectivo vasco Stop-desahucios. Activistas exixen unha rectificación desta peza, que se emitiu o 11 de decembro, e reclaman que se lle dedique a emendar o erro a mesma franxa horaria e o mesmo tempo no informativo. A TVG négase a rectificar


Stop-desafiuzamentos Compostela exixirá unha rectificación á televisión pública da Galiza por usar imaxes de varias accións reivindicativas desenvolvidas pol@s integrantes desta plataforma cidadá na capital galega e na contorna para ilustrar unha información sobre o apoio que Stop-deshaucios brindará en Euskal Herria aos presos de ETA.

Segundo o video que a canle pública pendurou na súa páxina web baixo o titular 'Stop Desahucios únese á marcha en apoio aos presos da ETA', a peza audiovisual emitiuse no Telexornal Serán da terza feira, 11 de decembro.

As imaxes da plataforma galega contra as execucións hipotecarias nunha acción diante das oficinas centrais de Novagalicia Banco en Compostela foron emitidas co rótulo 'Polo achegamento a Euskadi', unha causa ao redor da cal este colectivo non se pronunciou nunca.

Nunha carta dirixida á dirección de Informativos da televisión pública, a plataforma de Compostela quéixase de que, após intentalo de maneira reiterada esta quinta feira durante todo o día, só conseguiron que un membro da redacción, Xosé Manuel Maseda, se comprometese a recadar máis información e devolverlles a chamada.

"Cousa que non fixo aínda", indica a misiva enviada mediante correo-e en que Stop-desafiuzamentos responsabiliza á TVG "dos comentarios contrarios á nosa labor e á nosa dignidade" após o erro cometido polo ente público que dirixe Rosa Vilas. Exixen unha rectificación da información difundida no telexornal que se emite á mesma hora e nunha peza informativa da mesma duración.

A mobilización contra a dispersión de presos e presas políticas vascas realizarase en Bilbo o 12 de xaneiro e está apoiada por até 40 organizacións, entre as que se atopan Ahaztuak, AHTren Aurkako Asanblada, Aspakena, Bai Euskal Herriari, Behatokia, Colectivo Antimilitarista, Esait, Etxerat, Euskal Herriko Bildune Feminista, Ezker Abertzale Historikoa, Gazte Abertzaleak, Euskal Herriko Kristau Elkarte Herritarrak, Herria 2000 Eliza, Lau Haizeetara Gogoan, Lokarri, TAT, M15 Bizkaia e Stop Desahucios --a través da plataforma de Euskal Herria--

Perante as "conversas e os acordos adoptados entre diferentes axentes de Euskal Herria, o alto o fogo de ETA e a implicación e axuda da comunidade internacional", que abriron un camiño "para solucionar o conflito vasco", estas entidades sociais exixen que o goberno español poña punto e final á dispersión.

Xustamente nesta información escúdase a TVG para negarse a rectificar a información emitida. Na resposta enviada á plataforma galega, os Servizos informativos da canle pública seguen sen se decatar que Stop-Deshaucios ten plataformas en todo o Estado e que non dependen as unhas das outras. Así, explica que o único que fixeron foi "facerse eco do contido deste teletipo, dunha prestixiosa e recoñecida axencia de novas, e ilustrar a información con imaxes da plataforma aludida". A información é de Europa Press Bilbo, en referencia á plataforma contra as execucións hipotecarias de Bilbo. Porén, foi ilustrada con imaxes de accións da plataforma de Compostela. 

Na súa carta de resposta, TVG reproduce o teletipo da axencia española, e conclúe sinalando que a televisión pública "obrou coa dilixencia debida e non emitíu ningunha información falsa". En todo caso, convida a Stop-desafiuzamentos Compostela a que, se queren unha rectificación, a soliciten formalmente a través da Asesoría xurídica da compañía da radio-televisión pública da Galiza.

Comentarios