A traxectorial vital e literaria de Ferrín, premiada co Otero Pedrayo a proposta de Baltar co apoio da Xunta

O “compromiso persoal, intelectual, político e social” de Xosé Luís Méndez Ferrín foi recoñecido co Premio Otero Pedrayo 2012, a proposta do presidente da deputación de Ourense, Manuel Baltar. A candidatura contou, entre outros, cos votos da Consellaría de Cultura e da Deputación de Ourense e Pontevedra fronte á candidatura da revista Grial.
Xosé Luís Méndez Ferrín
photo_camera Xosé Luís Méndez Ferrín

O xuri do Premio Otero Pedrayo recoñece co galardón a traxectoria de Ferrín como poeta, ensaísta e narrador, mais tamén, a proposta de Manuel Baltar, destaca a súa biografía “chea de renuncias persoais” en que se valoran con especial relevancia as “decisións tomadas mesmo contra a propia estabilidade do seu entorno emocional máis cercano”. A candidatura de Xosé Luís Méndez Ferrín foi apresentada na propia xuntanza polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e contou co apoio dos representantes da Xunta, en concreto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lourenzo e o director xeral de Política Lingüística, Valentín García. A candidatura do ex presidente da RAG obtivo tamén cos votos dos representantes das Deputacións de Ourense e Pontevedra, do escritor Darío Xohán Cabana, en representación da Academia, e con algún dos representantes das Universidades. O premio está dotado con 30.000 euros.

Dáse a circunstancia de que á convocatoria se presentara previamente a candidatura da revista Grial, dirixida por Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo, que non contou cos votos dos representantes institucionais. Na xuntanza, os representantes da Deputación de Lugo defenderon a proposta do historiador Francisco Carballo co fin de recoñecer a súa traxectoria no compromiso da cultura de base e a recuperación da nosa memoria histórica.  

O fallo do Otero Pedrayo 2012 prodúcese tan só tres meses despois de se ter xuntado o xuri da anterior edición que recaiu en Basilio Losada, nunha convocatoria que lle correspondía organizar á Deputación de Lugo. Desta volta, é a de Ourense a anfitriona dun premio convocado, de maneira singular, hai só mes e medio e mes e medio tamén despois de terse coñecido o gañador da anterior edición. 

O recoñecemento na convocatoria das catro deputacións co apoio da Xunta chégalle ao escritor a poucos días da renuncia formal ao seu posto de presidente da Academia Galega que se formalizou no pleno da pasada cuarta feira. Méndez Ferrín renunciou tamén a súa condición de académico numerario -que tiña carácter vitalicio- e, malia non ser aceptado polos seus compañeiros e compañeiras, xa non figura na relación de membros do plenario da institución que figura na páxina web da RAG.

Comentarios