A sombra dos pagamentos en negro paira sobre o Congreso do PP galego

A sombra dos pagamentos en negro, instaurados na época de Fraga como presidente, paira sobre o congreso que o partido gobernante en Galiza irá realizar esta fin de semana e que dá comezo esta tarde en Lugo.

Nos corredores do congreso a conversa máis recorrente xa non vai ser a de se Rueda continúa ou non ao fronte da secretaria xeral, senón a de como vai afectar o desenvolvimento do escándalo Bárcenas o partido que detenta o goberno quer na Galiza quer no Estado.

Este ía ser o congreso do Pensamento Manuel Fraga, no cabodano do fundador. Agora talvez sexa menos politicamente correcto invocar a figura do ex ministro de Fraga e presidente da Xunta de Galiza durante 16 anos despois de que trascendese -grazas a unha información publicada polo rotativo madrileño El Mundo- que foi precisamente durante o período do político de Vilalba ao fronte do partido cando se sistematizou a práctica de os funcionarios e os dirixentes da formación conservadora recibiren pagamentos mensais en negro.

Entre 5.000 e 15.000 euros en negro

Foi Luís Bárcenas, tesoureiro do partido, quen xestionou durante dúas décadas o pagamento de diñeiro en negro, cantidades que abalaban entre os 5.000 e os 15.000 euros mensais, unha práctica que claramente é constitutiva dun grave delito contra a Facenda pública.

En medios próximos ao PP medra a sospeita de que Esperanza Aguirre aproveitará a conxuntura para asaltar o poder no partido

Bárcenas foi o cerebro da trama Gurtel, unha rede de financiamento irregular do PP con ramificacións moi profundas en Galiza, até o ponto de ter como unha das súas figuras centrais a Pablo Crespo, secretario de Organización do PP galego precisamente durante o reinado de Fraga.

No congreso non estará Rajoy, quen resolveu delegar na secretaria xeral, María Dolores Cospedal, unha decisión que adoptou antes de se coñeceren as revelacións de Bárcenas.

Rajoy sae claramente tocado deste escándalo, pois, aínda que supostamente puxo fin a estas prácticas irregulares, non as puxo en coñecimento da xustiza. En medios próximos ao PP medra a sospeita de que Esperanza Aguirre aproveitará a conxuntura para asaltar o poder no partido.

Indignación ante Génova

Onte, e convocadas através das redes sociais, pretensamente de xeito espontáneo, algo máis de mil persoas concentráronse perante a sede do PP en Madrid, na rúa Génova, para mostrar a súa indignación e repulsa polos casos de corrupción que afectan a un partido que concentra neste momento un poder político sen precedentes na historia da democracia española.

Comentarios