A política de mobilidade de Pontevedra recibe o premio europeo Intermodes

Metrominuto é un proxecto que deixa á vista unha cidade pensada para camiñar. Á maneira dun mapa de metro, o concello propuxo un plan para se achegar dun punto a outro a andar, cos minutos que se tardaría en facer o recorrido. A política de mobilidade do concello vén de ser galardoada co premio Intermodes, outorgado pola axencia que traballa ao amparo da Unión europea. Pontevedra é o primeiro concello que recibe o galardón.
Lores
photo_camera Lores

“Este premio é un recoñecemento de moitos anos, de moitos técnicos, de moitos políticos, de moitas persoas que axudan e axudaron a construír esta cidade, con amor a Pontevedra, unha cidade para todos, especialmente pensada para as persoas que teñen máis dificultade para desplazarse” sinalou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) cando deu a coñecer publicamente a concesión do galardón. O propio alcalde recibirá o próximo 6 de febreiro o premio no marco do Congreso Intermodes que se celebrará en Bruxelas e que será inaugurado polo presidente de transportes da República de Irlanda, Leo Varadkar, coincidindo coa presidencia semestral de Irlanda na Unión Europea.

O Intermodes valora a “exemplar política intermodal de transporte de pasaxeiros” e, de maneira especial, o proxecto Metrominuto que o alcalde definiu como “o primeiro mapa pedestre en Europa a modo de transporte público”. Ao seu ver, o galardón é o recoñecemento ao modelo urbano dunha cidade en que os desprazamentos se fan fundamentalmente a pé.

O premio foi outorgado pola axencia Intemodes, unha entidade que elabora os seus propios estudos para destacar un proxecto ou unha actuación. Neste caso, Pontevedra convértese na primeira cidade que é premiada polo seu modelo urbano, pola accesibilidade, seguridade viaria ou mobilidade peonil.

Comentarios