Concentración en solidariedade co detido en Ames

O Partido Popular vén de facer público que proporá na cámara unha condena institucional do "terrorismo en xeral e de Resistencia Galega en particular". O detido, será trasladado a Madrid para prestar declaración perante a Audiencia Nacional. Convocan unha manifestación de apoio en Compostela.

O ministerio de Interior español fixo público esta terza feira un comunicado polo cal daba conta da detención de H.M.P, veciño de Ames, no seo da operación que deveu nas detencións doutras seis persoas nos últimos meses. Segundo o texto, a detención foi levada a cabo pola policía española arredor das dez e media da noite nun monte situado na área metropolitana de Santiago de Compostela. Segundo puido saber este xornal, o domicilio do detido na vila de Quistiláns (Ames) foi rexistrado a primeira hora desta mañá. Arestora, numerosos membros da policía española continúan no lugar, onde se terían producido confrontacións coa veciñanza. Após a súa detención e durante o seu traslado á comisaría despois do rexistro domiciliario, H.M.P tería denunciado torturas por parte da policía, supostamente, practicadas durante o tempo que transcorreu desde a súa detención (arredor das 22.30 do día 7 de xaneiro segundo fontes policiais) até a súa chegada ao domicilio familiar para ser rexistrado (arredor das 11.00 da mañá desta terza feira). 

A operación policial, que continúa arestora aberta, podería supor novas detencións. Pola súa banda. H.M.P será trasladado nas vindeiras horas á capital española para ser posto a disposición xudicial perante a Audiencia Nacional. 

O PP presentará unha proposta para que o Parlamento emita unha "condena institucional" de Resistencia Galega

Nun comunicado enviado esta terza feira, o Partido Popular agradeceu "o excelente labor dos corpos e forzas de seguridade do estado" pola detención desenvolvida no día de onte e das levadas a cabo o pasado mes de outubro --malia que dúas das persoas detidas foran deixadas en liberdade poucas semanas despois. Aliás, @s populares condenan "as intencións do presunto membro de Resistencia Galega" e as "prácticas terroristas" que poñen en risco, din, "a integridade física de todos os galegos". 

Neste senso, no grupo parlamentar popular presentarán unha proposición para que os demais grupos políticos emitan unha "declaración institucional en contra do terrorismo en xeral, e de Resistencia Galega en particular". 

Concentración

"Se nos tocam a umha, tocam-nos a todas" é o lema da concentración que se convocou para hoxe na Praza do Pan (Cervantes) en Compostela a partir das 20 horas. A protesta xorde após a detención dun mozo galego a quen lle foi aplicada a Lei antiterrorista polo cal está incomunicado e, segundo algunhas fontes, camiño da Audiencia Nacional en Madrid. @s convocantes denuncian que foi "torturado no monte" e exixen a súa liberación inmediata.

Comentarios