A plataforma contra os incendios teme novas mortes entre o persoal de extinción

Varias asociacións critican á Xunta e aseguran que o estado do monte é “selvático”, o que agoira “un verán perigoso”.  

 

Plataforma anti incendios
photo_camera Conferencia de imprensa da Plataforma contra os Incendios

É xullo e xa comezou a fase de maior perigo de incendio forestal. Así, a Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais avisou, nunha rolda de imprensa, de que considera este como “un verán perigoso” quer para o monte quer para a vida dos traballadores. Alegan a ese respeito o estado en que se acha o dispositivo de extinción, que ollan, “desprofesionalizado”, e o estado do monte, que é “selvático”. E responsabilizan directamente á Xunta de Galiza.

Representantes de organizacións e sindicatos integrados na plataforma sinalaron que “están a avisar” do que pode acontecer no monte este verán e acrecentaron que ven risco “real” para o persoal de extinción e, moi concretamente, para @s que sexa contratad@s “a dedo" polos concellos para as brigadas municipais.

Na plataforma están integrados representantes de CIG, UGT e CC.OO, así como dos traballadores de Seaga, e organizacións como Apropiga; Aprafoga; a Organización de Comunidades de Montes en Man Común; Adega ou Verdegaia.

A CIG acusa a Xunta de facer un uso "partidista e eleitoralista" do dispositivo anti-incendios

Daniel Veiga, delegado da CIG nos servizos de extinción, acusou á Xunta de facer un uso “partidista e electoralista” deste dispositivo, “poñendo en risco a vida dos traballadores”. Por iso, recordou que xa se produciu “un accidente grave” no incendio de Ponteareas e indicou que estudan “ir á vía penal” se continúan a se producir sinistros.

Ao seu xuízo, son os xestores políticos “os responsábeis das mortes, malia o cal non foron aos tribunais, ante os que si compareceron peóns e capataces que, por suposto, non eran os culpábeis”.

Comentarios