A oposición centrará na "manipulación” e a “ocultación de datos” o próximo Pleno do Parlamento

A oposición volverá preguntarlle a Feijóo polo 'Caso Dorado' dentro de cuestións máis amplas que tamén farán referencia ao control dos medios públicos e os incumprimentos do presidente coa Cámara.

Un traballo parlamentar “obstruído” e unha xestión de goberno baseada na “manipulación” serán algunhas das queixas ás que en teoría deberá dar resposta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Pleno do Parlamento galego da próxima semana, o último do período ordinario. PSOE, AGE e BNG volverán a tratar o 'Caso Dorado' nunha sesión que tamén deixará espazo para as críticas ao “escurantismo” na comisión que investiga as caixas e, segundo a oposición, en case toda a acción de goberno da Xunta do PP.

Así, o BNG preguntará pola “manipulación da cidadanía”. “Manipulación dos medios de comunicación públicos, manipulación d@s cidadáns co exemplo moi claro no conflito das preferentes, manipulación deste Parlamento, que está submetido aos intereses e obediencia do Executivo e ademais obstrución para coñecer toda a documentación relativa a contratos de Marcial Dorado ou para acceder á documentación da comisión das caixas”, sinalou o seu portavoz, Francisco Jorquera, que tamén denunciará a campaña de “desprestixio á oposición” que cre que lidera o Delegado do Goberno central, Samuel Juárez.

Pola súa parte, o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, afirmou que na Cámara comeza a sentir a utilización de “algo semellante a un idioma nazi”. “Existe pánico a que se lle fagan preguntas comprometidas ao presidente”, dixo en referencia á Mesa do Parlamento, que obrigou a matizar as cuestións que propuñan os grupos. Tamén amosou enfado Abel Losada, voceiro do PSOE, que solicitou o amparo da presidenta Pilar Rojo por “non recibir a información que se solicita”. @s socialistas intentarán que Feijóo explique a destrución de documentación por parte da Xunta. O voceiro do PP, Pedro Puy, defendeu o seu partido sinalando que “teñen máis facilidades para traballar neste Parlamento que na maioría do resto de Cámaras autonómicas”.

Comentarios