Oposición urxe a Xunta a explicar o accidente laboral en que morreu unha mariscadora

As tres forzas con representación parlamentar --BNG, AGE e PSOE-- reclaman unha investigación que esclareza por que o helicóptero tardou 40 minutos en chegar ao lugar do sinistro se o contrato coa adxudicataria de salvamento marítimo fala dun máximo de 10. Tamén queren saber por que se mudaron as condicións laborais da tripulación do Pesca 1 para que as gardas presenciais pasen a ser localizadas até o 31 de decembro, aumentando os tempos de resposta. O BNG insiste en que a conselleira do Mar ten que demitir


O accidente laboral acontecido o 13 de decembro en Oia que lle custou a vida á traballadora Mercedes Veiga ergueu moitas voces que exixen responsabilidades perante a Xunta de Galiza pola privatización dos medios aéreos vinculados ao servizo de salvamento marítimo. Testemuñas do sinistro declararon que a percebeira morreu após 40 minutos agardando polo helicóptero Pesca 1.

Así as cousas, as tres forzas da oposición política que contan con representación no Parlamento galego --BNG, AGE e PSOE-- sumáronse á Asociación galega de mariscador@s e exixen que se aclare o retraso da aeronave e a suspensión das gardas presenciais da tripulación. A deputada nacionalista Montse Prado vén de reclamar unha comisión de investigación que esclareza as circunstancias en que perdeu a vida a traballadora, que o PP se comprometeu a "estudar" unha vez que a reciba. Prado reclamou a comparecencia de Feijóo no Parlamento galego, e non dubidou en denominar de "criminais" as políticas "que causan mortes" coa convición de que o accidente mortal de Oia "puido evitarse".

Depurar responsabilidades políticas: que dimita Rosa Quintana

O BNG reclamou a demisión da titular da consellaría do Mar, Rosa Quintana, após as novas condicións do contrato coa empresa Inaer, adxudicataria do servizo de salvamento, que estabelece que durante 33 días, do 28 de novembro até o 31 de decembro, as gardas d@s pilotos serán localizadas e non presenciais, o que aumenta o tempo de resposta perante unha chamada de auxilio.

A resolución ditada pola propia consellaría fala de 10 minutos como máximo. Porén, as compañeiras de Mercedes Veiga informaron de que o Pesca 1 chegou ao lugar dos feitos catro veces máis tarde do que debese. En relación a esta tardanza, Prado demanda que a comisión revise se se cumpriron os protocolos e sinale "as posíbeis irregularidades".

A nacionalista instou a comisión a que estude tamén as consecuencias de medidas aprobadas polo PP como a eliminación do seguro colectivo de accidentes ou as taxas que se lle aplican a cada chamada pedindo auxilio; e pediulle a Feijóo que aclare se dá por bo que a morte da traballadora é "un dano colateral da súa política de favorecer o negocio empresarial" fronte a un colectivo, o das mariscadoras, "que vive unha situación de grave desamparo".

Medidas ''economicistas'' ou ''de forza maior''?

Na mesma liña pronunciouse tamén o grupo parlamentar de AGE, reclamando unha resposta polo atraso con que o helicóptero "para que non se reproduzan no futuro" os mesmos erros e "para que se depuren as responsabilidades oportunas".

Nun comunicado de imprensa, a coalición pregúntalle a Quintana desde cando coñece a supresión das gardas presenciais, así como que aclare "sen ambigüidades" cales son "as causas de forza maior" que alega a empresa para mudar aquelas por gardas localizadas e comprobar se non se trata de "medidas economicistas". Insiste AGE en que "a austeridade mal entendida provoca mortes".

Feijóo pide que non faenen se hai temporal... após eliminarlles o seguro de mal tempo

Após o accidente laboral de Oia tamén se revolveu o PSOE. O deputado José Ramón Val tamén lle meteu présa á Xunta para que inicie unha investigación que determine as causas do atraso da aeronave, así como unha explicación de por que se suprimiron as gardas da tripulación do helicóptero, con base no aeroporto vigués do Peinador.

En relación ás declaracións de Feijóo sobre a morte da traballadora --"quero facer un chamamento a non meterse no mar en tempos de enormes dificultades metereolóxicas", dixo-- Val lembroulle ao titular do executivo galego que "foi el mesmo quen se encargou de eliminar o seguro de mal tempo, que lles garantía uns ingresos mínimos sen necesidade de saír ao mar en condicións metereolóxicas adversas".

Comentarios