A oposición pedirá explicacións a Feijóo polos recortes dun Goberno ''ao servizo da banca''

BNG e PSOE queren que o presidente da Xunta ''pase polo Parlamento'' para informar de como afectará a Galiza ''o saqueo'' de Rajoy. O noso País conta co maior número de pensionistas do estado, e máis de 276.000 persoas están no desemprego

A comparecencia de Mariano Rajoy no Congreso colleu no Parlamento @s deputad@s galegas, en plena sesión da Deputación Permanente, o órgano que substitúe os plenos nos periodos inhábiles. A ausencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que andaba pola localidade española de Aranjuez pronunciando unha conferencia, aproveitouna o PSOE. Dixo Pachi Vázquez que Feijóo "fuxe da realidade malia unhas medidas que van directamente ao corazón da estrutura socioeconómica da Galiza". Pola súa banda, Ana Pontón, voceira do BNG, queixouse de que os recortes "o único que ofrecen son menos dereitos sociais, unha suba de impostos inxusta e un importante recorte ás persoas desempregadas".

Así, Vázquez tildou o anuncio de Rajoy de "fraude electoral masivo", por achegar "xusto as medidas contrarias" das que facían parte do seu programa co que venceu nos comicios. Máis crítico do que foi Alfredo Pérez Rubalcaba en Madrid, o PSOE galego deixou claro que os cambios anunciados para os concellos afectarán de maneira máis intensa á Galiza, con 315 municipios e 34.000 núcleos de poboación. "Hoxe é un día que todos lembraremos. Imos intentar que o presidente da Xunta pase polo Parlamento para explicar como nos afectará todo isto aos galegos", concluíu o carballiñés.

Tamén con Galiza no albo, Ana Pontón espetou a Rajoy que as propostas son "medidas erradas que só van afundirnos máis na crise". Un Goberno ao servizo dos intereses da banca está, a xuízo da nacionalista, detrás deste "saqueo" ao pobo e, retomando as palabras de Francisco Jorquera no Congreso, Pontón recalcou que España é xa un estado intervido, tal e como queda de manifesto coa aplicación duns recortes "xemelgos" aos asestados en Grecia, Irlanda e Portugal. Precisamente por termos tres espellos, "o grave" é que "xa se sabe que teñen uns efectos devastadores" para a cidadanía, nomeadamente ás clases máis desfavorecidas --Galiza é o país con máis poboación xubilada e a cifra de desempregadas acariña os 286.000 segundo os datos de xuño--. "Provocarán desigualdades sociais moi fortes", dixo Pontón.

Mentres, Compromiso por Galicia --Ecogaleguistas, Acción Galega e Máis Galiza-- expresou o seu rexeitamento aos recortes a través dun comunicado no cal Manuel González, da executiva nacional, falou do "ataque máis grave á convivencia social nas últimas décadas". Entendeu González que o Goberno do estado está a procurar "cabezas de turco" para a crise, como @s traballador@s públic@s, e apuntou cara a "outras alternativas, como a eliminación das deputacións", medida coa que se aforrarían máis de 20.000€. Porén, coas medidas anunciadas por Rajoy, os entes provinciais adquiren máis poder aínda, en detrimento dos pequenos concellos.

Comentarios