Asasinada unha muller en Narón pola violencia machista

Marisol L. foi achada semicalcinada na vivenda en que residía no lugar da Revolta. No alpendre do mesmo inmóbel apareceu colgado o home, con quen xa non convivía e do cal estaba en trámites de separación. Testemuñas veciñais dan conta de que a muller recibía malos tratos. As investigacións apuntan tamén cara ao terrorismo machista. Sería a cuarta muller galega asasinada en 2012

O corpo de Marisol L., de 63 anos, foi achado semicalcinado na vivenda en que vivía no lugar da Revolta, en Narón. O seu home, de 73 anos, apareceu aforcado no alpendre. A parella atopábase en trámites de separación e xa non compartían a casa en que sucederon os feitos. As primeiras informacións facilitadas por fontes policiais apuntan a máis unha muller asasinada polo terrorismo machista e o posterior suicidio do autor dos feitos.

Tamén informou a policía de que os corpos estiveron ao redor de cinco días no interior da vivenda até que un veciño se percatou de que na porta había varias pezas de pan acumuladas. Ao se interesar pola muller, atopou os dous corpos. As testemuñas veciñais reforzaron a hipótese da violencia de xénero coas súas declaracións, ao apuntaren que Marisol L. tería sufrido malos tratos previos aos trámites da separación. A parella tiña un fillo que xa non vive no lugar.

Sería a cuarta muller galega asasinada en 2012
De se confirmar que Marisol foi asasinada polo home, o seu sería o segundo caso de terrorismo machista en Narón no que vai de ano. En xuño, o mesmo día en que entraba en vigor a orde de afastamento que xa lles fora comunicada ás partes, Iria G. recibiu unha coitelada no pescozo ao mediodía e en plena rúa, asestada polo seu compañeiro, detido ás poucas horas polo asasinato. Son catro as mulleres galegas asasinadas desde xaneiro: en marzo o marido matou dun disparo a Julia L., de 65 anos, en Vilardevós, e despois se suicidou; e en abril mataron a Juventina C., de 74 anos e que vivía emigrada en Madrid. 

En Compostela, a Rede Feminista Galega chama toda a cidadanía a se concentrar na Porta do Camiño ás 20.00 horas, segundo a convocatoria permanente fixada para o día seguinte de se coñecer o caso de asasinato feminicida ''para combater a normalización social da violencia que é exercida contra nós, e a normalización da nosa eliminación física''.

Comentarios