A mocidade revóltase contra a realidade feijoniana: desemprego, emigración e precariedade

Diversas concentracións en comarcas de Galiza, convocadas pola CIG nunha xornada de loita nacional, denunciaron as consecuencias das políticas do PP para a mocidade e o país: Desemprego, emigración e precariedade
cig

Máis de 70 moz@s galeg@s emigraron ao día en 2012. O desemprego medrou nun 123% entre os menores de 25 anos desde que a crise comezou a ensinar as gadoupas. Unha media salarial para as e os xóvenes de entre 18 e 25 anos de 7.511 euros. Tal escenario mereceu esta cuarta feira unha resposta mediante concentracións convocadas pola CIG en diferentes cidades e comarcas do país a través dunha xornada de loita nacional.

Nas mobilizacións, nas que estiveron presentes deputad@s do BNG como Ana Pontón en Compostela, sinalouse que esta realidade ten responsábeis: os gobernos do PP. Un informe elaborado polo Gabinete Confederal de Economía da central sindical. alerta da gravidade da situación: dos 166.800 empregos destruídos nestes catro anos, 149.100 estaban ocupados por menores de 35 anos; destes, máis de 77.164 optaron por emigrar, neste período, en busca dunha alternativa laboral que non atoparon en Galiza e o paro medrou case un 123% desde o estoupido da crise entre os menores de 25 anos. 

Malia ser a xeración máis formada da historia de Galiza, desde a CIG denuncian que os e as mozas galegas “non atopan traballo, polo que se ven na obriga de emigrar”. Tal é así, que en 2012, 25.472 mozos e mozas de entre 20 e 34 anos abandonaron Galiza, 2.122 ao mes, preto de 70 cada día.

A peor

A mocidade é tamén a máis prexudicada tanto en rebaixa de salarios que se sitúan, no ano 2011, nunha media de 7.511 euros entre os 18 e os 25 anos e nos 15.000 euros entre os 26 e os 35 anos.

Segundo o informe da CIG, desde que no ano 2008 comezou a destrución de emprego, e ata o terceiro trimestre de 2012 perdéronse en Galiza 166.800 postos de traballo segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA). Isto afectou a practicamente todos os grupos de idade, pero é a xente nova a máis prexudicada, xa que dos 166.800, 149.100 tiñan menos de 35 anos, o 89,4% do total

Comentarios