A Mesa en defensa dos camiños de ferro reivindicou o mantemento das liñas en Ferrolterra

Coincidindo co centenario da súa construción, a plataforma cidadá manifestouse a prol da "modernización" destas infraestruturas e contra a supresión de liñas anunciada polo goberno español

Cortexo en defensa dos camiños de ferro decorrido polas rúas de Ferrol
photo_camera Cortexo en defensa dos camiños de ferro decorrido polas rúas de Ferrol

Perto dun cento de persoas percorreron este domingo as rúas de Ferrol convocadas pola Mesa en defensa dos camiños de ferro. O acto de cortexo, que coincidía cos 100 anos da chegada do ferrocarril coa liña Ferrol-Betanzos, quixo reivindicar o apoio popular ao mantemento desta infraestrutura nun momento en que desde o Goberno de Madrid apostan pola supresión de liñas de media distancia. 

Perante as autoridades que asistiron á homenaxe oficial do centenario, @s manifestantes exixiron a modernización do tren. "Deben pensar que somos masoquistas", denuncian desde a  Mesa en defensa dos camiños de ferro. Segundo manifestaron @s participantes da mobilización "resulta unha burla" que se festexen actos conmemorativos arredor do ferrocarril "mentres o abandono da infraestrutura impide calquera mellora sensíbel dos servizos". 

Neste senso, dnunciaron que se empreguen fondos "do erario público" para este tipo de iniciativas e non, en troca, "para modernizar" as actuais liñas de tren que, asemade, prevén ser reducidas de 5 a 3 o vindeiro mes de xuño. Así pois, chamaron á cidadanía da comarca a se "rebelar" e a "reivindicar" mellorar "vitais e urxentes" para este medio de transporte. 

Comentarios