A Mesa denuncia que a Deputación da Coruña exclúe o galego na nova sinalización viaria

A asociación presentou un escrito de protesta na institución que preside Diego Calvo, do PP, e solicita que se cumpra “coa legalidade” ante o que considera unha nova marxinación da lingua propia.

Deputación da Coruña
photo_camera Deputación da Coruña

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou unha “nova exclusión do galego” nos sinais que a Deputación da Coruña está a colocar nas estradas da provincia, “vulnerando a lexislación vixente”.  A asociación dirixiuse á institución presidida por Diego Calvo -do PP- para presentar unha queixa formal e instar a substituír “esta sinaléctica por outra en galego que se axuste á legalidade”. 

“A Deputación da Coruña está a colocar diversos sinais nas estradas da súa titularidade, como por exemplo na vía Coruxo-Oleiros, indicando a necesidade de respectar os ciclistas e as distancias de seguridade. Esta exclusión é contraria á lexislación aplicábel, como o artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía, o artigo 6.3 da Lei de normalización lingüística, e sobre todo incumpre a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que 'o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local', e continúa dicindo que 'todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactáranse en lingua galega', o que inclúe os rótulos e sinais da vía pública e dos edificios municipais”, indica A Mesa nun comunicado. 
A Mesa lembrou “máis unha vez” que “nin sequera no caso de sinalizacións dependentes da administración estatal ou das súas concesionarias é legal a exclusión do galego”.  

Comentarios