A luz que non se apaga: Día das Letras de Vidal Bolaño

Nas páxinas do A Fondo trazamos un modesto percorrido tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño, desde o seu contacto co teatro, co cinema, desde todas as frontes do traballo cultural. Ilustración: Gonzalo Vilas

photo_camera Ilustración: Gonzalo Vilas

Esta semana poñemos o chapeu, o nariz de pallas@s e prendemos un pitelo para recuperarmos unha das figuras máis relavantes da literatura galega. 

Nun caderno de análise coordinado pola xornalista Lara Rozados seguimos os pasos a Roberto Vidal Bolaño a través daquelas persoas que partillaron experiencias, traballo e obras con el. 

Conversamos coa actriz Laura Ponte e xunto a ela lembramos os primeiros traballos de RVB de cuxa figura di segue aínda a facer falta “para removernos”. Co músico e escritor Roi Vidal –fillo do autor-- debullamos o perfil deste artista multifacético e incansábel, politicamente incorrecto e combativo. Neste ano en que o Día das Letras está dedicado “ao pai do teatro de noso”, apunta Roi, Galiza non se pode permitir "o servilismo" que RVB combateu. 

Co profesor da Universidade da Coruña, Carlos Biscaíno falamos desa rebelión bolañesa contra a compracencia e o falso compromiso institucional que marcan a súa loita a prol dun teatro propio, forte e non subsidiario. 

Animaliños, Criaturas e Anxeliños acompañan estas oito páxinas arredor da vida e obra do seu creador quen non tivo pelos na lingua para dicir sen tapuxos aquilo que pensaba aínda cando o que máis conviña quizais fora calar.

Xunta a estes e outros artigos tamén afondamos nalgúns dos proxectos xerados arredor da figura deste incansábel artista e que serven de recursos didácticos para coñecermos máis en profundidade a súa obra. 

Con este A Fondo, teatro do aquí presenta un espectáculo interpretado, dirixido, escrito, producido, iluminado, escenificado... por Roberto Vidal Bolaño. Góceno!

Comentarios