Rocío Garrido: "O libro quere pór en valor a produción de razas autóctonas"

Entrevistamos a Rocío Garrido Caramés (Sanxenxo), autora do libro, Cociñando con razas galegas, premio á mellor conciña sostíbel do Estado español cuxas receitas empregan como parte central dos pratos produtos tradicionais galegos e razas autóctonas en proceso de recuperación.
Rocío Garrido, autora e blogueira
photo_camera Rocío Garrido, autora e blogueira

Blogueira e autora do libro Cociñando con razas autóctonas, Rocío Garrido Caramés (Sanxenxo) vén de recoller un dos Gourmand World Cookbook Awards de 2012, un galardón internacional que recoñece as mellores obras de cociña sostíbel no Estado español. Mais a cousa non fica aí, porque o premio levará a Rocío e as súas receitas á final que terá lugar en París o vindeiro mes de febreiro.

Cociñando con razas autóctonas é máis cá un recetario, recolle e pon en valor as principais razas gandeiras propias de Galiza. Ovella galega, cabra galega, galo de Mos, porco celta, cabalo de pura raza galega e as bovinas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa, son o cerne dunha serie de pratos autóctonos ideados por Garrido Caramés que recollen, aliás da súa sinatura, o saber facer tradicional "da miña avoa", asegurou.

Pregunta. Como xorde a idea de escribir este libro de receitas?
Resposta. A idea nace da miña colaboración coa Federación de Razas Autóctonas de Galiza-Boaga coa que participaba en degustacións e presentacións, mais despois de participar no Fórum Gastronómico de Santiago propuxéronme facer un libro. A Federación quería unha cousa sinxela, non moi longo e de aí saíu este libriño.

P. Vén de ser premiado a nivel internacional...
R. Si, fíxonos moita ilusión porque é un libro en galego e editado pola propia Federación, sen axuda de ningunha editorial grande. Grañamos no Estado español e agora imos a Paris onde agardamos que saia ben, pois é un libro que gusta moito xa que non só inclúe receitas senón que inclúe unha guía na que se recolle información das dez razas autóctonas que se están a recuperar.

P. A produción e o consumo deste tipo de razas é moi escaso, cal era o voso obxectivo?
R. Efectivamente. Nós procurábamos dar a coñecer e pór en valor unha produción descoñecida para a maior parte dos consumidores, malia que moitas das razas comezaron a se recuperar hai vinte anos. A publicación do libro está a ser un método moi efectivo para a súa divulgación.

P. Que podemos atopar nas túas receitas?
Todas as receitas son feitas por min mais baseándome en receitas da miña familia, da miña avoa. Teñen un pouco de tradición e un pouco da miña autoría.

R. Onde podemos atopar o libro, haberá unha segunda parte?
O libro está á venda en cada vez máis librarías, tamén no meu blogue (http://alareiradomeuabo.blogspot.com.es/) tamén podedes atopar as receitas. O noso obxectivo é que isto sexa o primeiro paso para dar a coñecer os produtos e, quizais despois, facer un outro libro de receitas máis amplo. A verdade é que cada vez se demanda máis carne de raza autóctona en grande medida pola súa calidade ao desenvolverse nun modelo de agricultura extensiva, case ecolóxica.

Imaxe capa: Pontevedra Viva

Comentarios