A FPG tilda de falsidades as acusacións deitadas contra Ferrín

Ferrín optou pola estratexia de non defensa perante as acusacións deitadas contra el (basicamente o nepotismo na contratación de persoal na RAG), mas quen si sae na súa defensa é o seu partido, a Frente Popular Galega. A FPG, nun comunicado pendurado na súa web, tilda as acusacións de "falsidades" e estabelece a orixe das tribulacións do escritor ourensán, "comunista e independentista", no seu compromiso político aberto a prol de AGE.

Xosé Luís Méndez Ferrín
photo_camera Xosé Luís Méndez Ferrín

De acordo coa interpretación que fai a FPG, Ferrín cae pola acción de diversas forzas. Por un lado, "a prensa de extrema dereita española". Por outro, o que cualifica como "neopiñeirismo" vinculado a Compromiso por Galicia (en obvia alusión ao sector de Henrique Monteagudo) e "parte do BNG", que non identifica.

A FPG non esclarece se esa acción foi combinada ou non.

De acordo co relato deste partido integrado na coligación AGE (formada por Anova e IU, organización da esquerda española liderada polo PCE), nen o neopiñeirismo nen o "nacionalismo pequeno burgués e esencialista que aínda rexe en boa parte do BNG" viron con bos ollos o envolvimento de Ferrín na campaña eleitoral. E, portanto, vén a argumentar a FPG, moveron as súas pezas para precipitar a queda do escritor de Con Pólvora e Magnolias.

A FPG si entra a descualificar as acusacións deitadas contra Ferrín e tíldaas de "falsidade". Isto contrasta co comportamento do literato ourensán, que en ningún momento deu a menor explicación pública face, por exemplo, a política de contratación que tería levado á entrada no cadro de persoal da RAG de familiares directos do núcleo dirixente.

Para a FPG, a marcha de Ferrín é "a última lección do mestre", a quen retratan "en garda contra o fascismo, en garda contra os aprendices de Ramón Piñeiro e García Sabell, en garda contra o galeguismo esencialista e pequeno burgués".

Curiosamente, o grupo neopiñeirista ao que ataca a FPG promove agora como candidato alternativo ao do sector ferriniano a un militante do Partido Comunista de España, organización da esquerda española coa que o independentista partido de Ferrín cohabita no seo de AGE.

Comentarios