A Fondo co 8 de marzo

A situación das mulleres continúa a ser de clara desigualdade, cun estancamento e mesmo regresión agravada pola crise económica. O A Fondo, Caderno de Análise do Semanario Sermos Galiza, reflexiona neste 8 de marzo desde o feminismo.
Capa A Fondo
photo_camera Capa A Fondo

Coordinado pola ensaísta e profesora de Filosofía África López Souto, o A Fondo recolle distintas colaboracións que nos achegan a diversos enfoques do noso tempo cunha visión desde o feminismo. A propia África López reflexiona no artigo inicial sobre a equidade de mulleres e homes. “Os problemas ue carrexa o patriarcado teñen unha base común, aquí, en Suecia, na India, ou onde se queira, mais ao tempo as maneiras de se amosar cambian e, por tanto, o xeito de enfrontarse a el tamén o ha de facer en grande medida”, defende a autora.

Canda ela, Mercedes Queixas achéganos á escasa visibilización das mulleres na ciencia co artigo “Muller e Ciencia: común, feminino e singular” e María Reimóndez denuncia a violación de mulleres na Indica en “Mulleres atravesadas por varias patrias”. Á filósofa Olga Aguiar a figura de Aurelia, a muller da Coruña que foi presionada para abandoar a súa casa despois de vivir nela máis de trinta anos, lévaa a escribir da resistencia, da defensa diante da opresión e do valor das mulleres que nos precederon.

Ex-secretaria Xeral de Igualdade, deputada no BNG no Parlamento Galego, Carme Adán ofrece un artigo no que contrapón dúas maneiras de facer política, unha a favor das mulleres cunha política institucional desenvolvida desde o feminismo e outra eliminando desde as políticas públicas os servizos ou programas que promoven a igualdade.

Entrevistamos a Teresa Vilaseco, Voceira da Asociación Xiara que coida dos dereitos das traballadoras do fogar e recollemos un adianto do prólogo do libro Feminismos que en breve publicará Xerais de autoría de Olga Castro e María Reimóndez.

Comentarios