A folga do comercio da Coruña fíxose notar ante un forte dispositivo policial

Na Coruña, o centro comercial Catro Camiños estivo dúas horas sen abrir e os piquetes tamén acudiron pola tarde a Marineda City, sempre acompañados por un numeroso destacamento policial

Folga comercio
photo_camera Folga comercio


“Xa marcharon os reivindicativos”, dicía unha muller á súa parella, ambos con aspecto de turista estándar e sotaque andaluz. Eran aproximadamente as doce do mediodía na Praza de Lugo da Coruña, na súa nova versión logo de que o concello da Coruña derrubase hai anos a antiga para construír unha á medida dos intereses do comercio textil, especialmente ese que ten o centro do seu Imperio en Arteixo. O ton da señora semellaba desprezativo, mais de seguro que @s compoñentes do piquete informativo ás e aos que aludía non tomarían como un insulto senón como un cumprido a definición de “reivindicativos”.

Realizouse esta segunda feira unha folxa xeral do comercio vario na provincia da Coruña. A data era simbólica, o 1 de xullo, cando comezan as rebaixas de verán. A súa incidencia resultou desigual, mais moi visíbel grazas ao traballo das centrais sindicais. CIG, CCOO e UGT asumiron a convocatoria. “en contra do bloqueo da negociación do novo convenio colectivo e para denunciar as pretensións da patronal de aplicar brutais recortes salariais e laborais”. Para opoñerse á precariedade, tan estendida no sector, en definitiva.

A precariedade laboral dificulta o traballo sindical e impide que moitas persoas afectadas se unan á folga

A ninguén se lle escapa que esa mesma precariedade -que abrangue tamén aos dereitos- é a que dificulta o traballo sindical no sector e impide que moitas persoas afectadas se unan á folga. Porén, os obxectivos da mobilización foron cumpridos, ao dotar de visibilidade ao conflito na rúa e ver como pechaban moitos comercios na provincia. Por exemplo, na cidade da Coruña non abriron as súas portas algunhas xoierías e franquicias de marcas como H&M ou Stradivarius. Ademais doutros feches.

Unha das imaxes icónicas -e bastante ridículas- do presente consumismo é aquela segundo a cal ducias de persoas entran a eito nun centro comercial o día no que comezan as rebaixas. A folga desta segunda feira evitouna nalgúns casos -os grandes armacéns non estaban convocados- como no de Catro Camiños da Coruña, que estivo pechado até as once e media da mañá.

Outros moitos locais foron baixando as súas portas ao paso dos piquetes informativos, o máis numeroso dunha duascentas persoas, sempre acompañados dun impresionante despregamento policial, malia que non houbo incidentes de relevancia. Moitos comercios, especialmente os de Inditex (onde están a ser máis duros os recortes) contaban cunha excepcional presenza de gardas de seguridade, o que non evitou que pechasen as portas. Tampouco había moita xente de compras. A maioría, xente nova, en moitos casos con aspecto de non entender demasiado o que ocorría, agás nalgún caso illado nos que un rapaz explicaba o que pasaba ás súas amigas nun ton bastante comprensivo coa folga. Pero o comezo das rebaixas foi moi frouxo. Entre outras razóns, pola mobilización sindical, que tamén foi visíbel pola tarde en Marineda City, o esaxerado e polo de agora pouco visitado centro comercial na saída da Coruña, onde tamén pecharon varias tendas. Coa protesta illada dalgún cliente. E o sorriso cómplice cos folguistas dalgún empregado, tal vez demasiado presionado -como é común no sector- para poder exercer o seu dereito á folga, pero sabedor do que hai en xogo ante unha precariedade xa estrutural que a falta dun convenio colectivo está a agravar.

Comentarios