A eterna espera da sanidade galega e a estafa das preferentes centran o nº51 do Sermos Galiza

A sanidade pública galega encamíñase cara á privatización e as listas de agarda son unha mostra desa deriva. @s profesionais sanitari@s alertan "hai quen tira proveito disto". Proveito, o da banca coas persoas estafadas pola fraude das preferentes e subordinadas. Un roubo de 500 millóns de euros

Máis de 38.000 persoas segundo a Xunta de Galiza agardan unha operación cirúrxica mais as centrais sindicais advirten que a cifra triplican o número recoñecido pola administración. O trasvase de pacientes da pública cara á sanidade privada estase a converter nun negocio que move por volta de 740 millíons de euros.

Os recortes orzamentarios e a maquillaxe de cifras teñen nomes e apelidos. Coas persoas afectadas pola privatización deste dereito fundamental falamos nas primeiras páxinas do número 51 do Sermos Galiza. Xunto á perda dun dereito fundamental como a asistencia sanitaria, o roubo dos aforros dunha vida. Máis de 80.000 estafad@s polas preferentes e subordinadas son obrigad@s a aceptaren máis unha quita se queren acceder á canxe. O goberno legaliza así a maior fraude coñecida na Galiza.

Nas páxinas de política repasamos a sesión de control ao Goberno. Feijóo bate contra Navantia mais segue sen asumir as súas responsabilidades a respeito da crise do sector naval. Abafado pola presión da oposición e dunha folga comarcal histórica en Ferrolterra --que revisamos na sección de Traballo-- o presidente da Xunta tenta safar a súa xestión anunciando vellos compromisos cos estaleiros e contratos dos que segue a pendurar unha dúbida, onde están os buques prometidos en campaña electoral.

Xunto a el, o bipartidismo español que tenta rexurdir a política do pacto. Porén PP e PSOE fican sos no seu acordo pro-UE após o desmarque dos partidos nacionalistas e do grupo da Izquierda Plural.

Sobre a mensaxe de Cameron a Rajoy botamos a ollada coa axuda de Vicent Partal, director do diario dixital catalán Vilaweb.

A Mariano Rajoy lánzanlle consellos desde o outro lado do Atlántico. O primeiro ministro británico David Cameron emprazou ao líder español a respectar o dereito de autodeterminación dos pobos a respeito de Catalunya. Sobre a mensaxe de Cameron botamos a ollada coa axuda de Vicent Partal, director do diario dixital catalán Vilaweb.

En Catalunya aterramos nas nosas páxinas de Internacional. Os inquéritos publicados nas últimas semanas dinamitan o panorama electoral do país e sitúan --por vez primeira na historia-- unha forza independentista e de esquerdas á cabeza do Parlament. Oriol Junqueras podería converterse no vindeiro president da Generalitat.

Na sección de Cultura, conversamos con Concha Nogueira, unha das presenzas máis firmes nos actos de recuperación da memoria. En 1937 súa nai e seu pai atopaban a súa fin tráxica no bou Eva. Acompañad@s doutras seis persoas lembramos o acontecido aquela noite do 23 de abril.

Aliás, achegámonos a Allariz da man da Fundación Vicente Risco e das actividades coas que lembran as súas inquedanzas intelectuais.

Todos estes contidos e moitos máis no número 51 do Sermos Galiza. Xa á venda na nosa loxa e a partir desta sexta feira nos quiosques e librarías do país. 

Comentarios