A entrevista correcta de Alonso Montero

Despois dun feixe de intervencións públicas nas que Xesús Alonso Montero provocou máis de unha polémica, a propia Academia Galega publica no seu web a entrevista oficial do seu novo presidente. Alonso Montero entende que, malia a perda de falantes, o proceso de substitución do galego polo español é hoxe menor que cando escribiu o seu Informe Dramático. 

Alonso Montero
photo_camera Alonso Montero

Con cinco preguntas péchase o cuestionario do novo presidente na páxina oficial da propia RAG. Dúas para que manifeste o seu pensar sobre o obxectivo e fin da Academia,  outra para a conmemoración do corenta aniversario do seu Informe Dramático da Lingua Galega e dúas máis para quen protagoniza as grandes celebracións literarias do ano, Rosalía de Castro e Roberto Vidal Bolaño. 

A Academia Galega publica a entrevista oficial co seu presidente, despois de que numerosas intervencións públicas orixinasen distintas polémicas polas súas afirmacións. A máis recente, a que orixinou a resposta do portavoz Xavier Vence ao sinalar que o BNG “quere tanto á lingua que como unha nai a un fillo a aperta ata abafala”. Intervencións como estas provocaron xa o malestar en varios académicos que agardan máis prudencia por parte de quen está a ocupar o cargo máximo á fronte da Academia. 

A que se publica na páxina web dista moito das anteriores. “A sociedade galega debería saber que a nosa institución está comprometida coa causa da nosa lingua” comeza para despois remitirse aos Estatutos da Institución e defender a súa competencia única na codificación, establecemento de lingua culta e produción de instrumentos como gramáticas ou dicionarios. 

A corenta anos de ser publicado o seu Informe -dramático- sobre la lengua gallega, o seu autor, agora presidente da RAG,  considera que o galego “segue a perder falantes, o que é moi preocupante”, mais ten tamén acadado “avances significativos” o que conduciu a que o “anterior proceso de substitución do galego polo castelán sexa hoxe menor, e que a lingua galega acadase un prestixio en certos ámbitos que antes non tiña”. “Se hoxe vivisen Franco ou Arias Navarro, esta entrevista nosa non existiría” sinala o presidente, para exemplificar a súa afirmación de que as condicións políticas condicionaron a situación da lingua.

Comentarios